MARCOS MACEIRA, PRESIDENTE DA MESA

“A mobilización social é a mellor maneira de evidenciar ataques ao galego”

“A mobilización social é a mellor maneira de evidenciar ataques ao galego”
Marcos Maceira, nun selfie para Sermos
Marcos Maceira, nun selfie para Sermos  

A Mesa pola Normalización Lingüística realizou a súa asemblea xeral o sábado, 14 de abril, no Museo do Pobo Galego. Unha xuntanza na que se ratificaron as principais liñas de acción que acometerá a asociación de aquí a decembro. Cóntanolo Marcos Maceira, presidente da entidade.


Que obxectivos se marcou A Mesa para 2018 na asemblea anual?

 

Continuar coa mobilización social, porque é a mellor maneira de pór en evidencia ataques ao galego que acontecen todos os días e, nalgúns casos, cuestións moi graves que impiden o uso da lingua. Mobilización non só o 17 de Maio –cando debemos amosar toda a nosa forza–, senón tamén nos actos concretos onde xa vimos actuando, como recentemente no caso de Lugo, onde dúas funcionarias impediron a utilización normal do galego por parte dunha usuaria.

 

Que medidas acordastes implementar?

 

Aprobamos unha serie de mudanzas que ratificou a Asemblea. Por unha banda, darlle un pulo ao Observatorio de Dereitos Lingüísticos, para coñecermos cal é a situación do galego e tamén para sabermos por onde temos que actuar. O observatorio non só se dedicará a cuestións xurídicas que teñen a ver co exercicio dos dereitos á hora de actuarmos co galego, senón tamén para coñecer diferentes aspectos da situación do galego. Un exemplo é o estudo que publicamos hai pouco sobre a situación da lingua no audiovisual, ou o informe que fixemos sobre xogos e xoguetes, onde o galego está practicamente extinguido. A directora do observatorio vai ser Elsa Quintas.

 

Na liña de continuarmos co traballo que comezamos coa ILP, que tivo moito éxito a nivel social e no número de persoas que a apoiaron, tamén queremos promover as actuacións con aquelas empresas que a raíz desa iniciativa se achegaron a nós. Nese sentido imos darlle un impulso forte a Abertos ao Galego, que vai dirixir Celia Armas. Ademais, imos sacar un distintivo para as empresas que utilizan ou queren utilizar o galego con normalidade e abriremos vías de colaboración entre as propias empresas para que compartan recursos e para que vexan que posibilidades hai para facer avanzar o galego. Isto farémolo no Foro de Empresas Abertas ao Galego.

 

Facías alusión ao informe do Observatorio de Dereitos Lingüísticos sobre o galego no audiovisual e, precisamente, anunciastes o impulso dunha iniciativa no Parlamento ao respeito.

 

Imos lanzar a partir de setembro unha proposición non de lei popular, para a cal recolleremos sinaturas que levaremos ao Parlamento, co fin de acabar coa exclusión do galego no ámbito audiovisual. Por exemplo, na programación infantil televisiva o galego, de segunda a sexta, só está presente no 4,6% da programación e na fin de semana baixa ao 2,7%. Diante destes datos escandalosos -cando ademais a Xunta ten recursos para aumentar esa presenza do galego- levaremos ao Parlamento actuacións concretas para que poidamos acceder á lingua neste sector.

 

Entre outras cuestións, proporemos que se inclúa a opción do galego na TDT, que a Xunta chegue a acordos con produtoras e distribuidoras para que haxa presenza da lingua… porque non hai dereito a que, por exemplo, o Goberno vasco chegase hai tempo a acordos con Movistar+ para que se poidan ver as principais series de televisión con lendas en euskera por unha cantidade realmente pequena e que nós non poidamos.

 

Unha maior actividade da Xunta nese sector tamén axudaría o propio sector dentro da Galiza, a que haxa máis produción galega de produtos audiovisuais.

 

Que finalidade perseguides con estas medidas aprobadas?

 

Tentarmos avanzar socialmente na normalización do galego. Hai unha maior mobilización social neste sentido, mais do lado de quen ten a responsabilidade e as ferramentas para actuar, non se fai. Hai esa dualidade mobilización social-goberno: unha sociedade activa, como se ve constantemente, e a falta de asunción das responsabilidades que se teñen por parte do Goberno. Temos que seguir traballando para superar ese obstáculo.

 

Tamén ratificastes o voso apoio ao proxecto para a saída de O Diario Galego.

 

Si, o apoio absoluto. Ratificouse unha decisión que xa adoptara a permanente para apoiar o proxecto. Vémolo con moita ilusión e A Mesa tratará de implicarse todo o que poida para eliminar un obstáculo histórico que ten a lingua galega e que é a falta de diarios en papel en galego.



x