XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI

“Moitos avós e moitas avoas son 'reintegratas' e non o saben”

“Moitos avós e moitas avoas son 'reintegratas' e non o saben”
[Imaxe: M.O.] Xosé Manuel Sánchez Rei
[Imaxe: M.O.] Xosé Manuel Sánchez Rei  

Cantar na Coruña. Cancioneiro coruñés dos séculos XVIII e XIX (Laiovento) é a obra que vén de publicar Xosé Manuel Sánchez Rei (A Coruña, 1973). Profesor titular na Universidade da Coruña na Área de Filoloxía Galega e Portuguesa, o seu campo de estudo é, fundamentalmente, a gramática da lingua galega actual e a linguaxe literaria contemporánea. Entrevistámolo no número 278 de Sermos Galiza. Eis un extracto.


2É posíbel unha restauración social cando o que se pretende restaurar está fortemente erosionado polo español?

 

Eu penso que o único camiño para avanzarmos na normalización asenta nunha restauración seria e destonada, na medida do posíbel, de influencias do español gratuítas e desnecesarias.

 

Unha restauración que pasa por?

 

Suprimirmos todo aquilo foráneo e potenciarmos o que é máis noso. Humildemente, considero que eses modelos híbridos que se escoitan na televisión ou na radio, en programas con persoas que comen do galego e que propositadamente o destrúen, non constitúen avanzos para normalizarmos a lingua nin para a dignificarmos. A xente non pode verse reflectida nese galego barbarizado, híbrido, vulgarizado, e quizais sexa certo que non se vexa noutro máis culto, mais con aquel, con total seguranza, tampouco se identifica. En confronto, tamén acontece que en ocasións cando alguén di “Cómpre irmos traballar”unha persoa pode comentar “Así dicía o meu pai antes”; agora é moito máis común “Hai que ir traballar”. Lembro que na Fonsagrada, hai uns anos, unha moza de 90 anos, cando escoitou falar dun prato nun encontro familiar, ponderou sen dubidar “Ai, así se falaba antes”.

 

Dentro do debate sobre a preferencia na escolla de estruturas morfosintácticas e repertorios lexicais debemos decantarnos polas construcións máis xenuínas e diferenciais, aínda sendo de escaso uso, ou polo máis común nos hábitos orais e escritos dos nosos días?

 

É un debate que ten suscitado certa controversia. O que se considera máis culto ou máis confluente coas outras variedades do noso sistema lingüístico pode estar presente en modalidades de diversa procedencia (locais, contextuais etc.). En ocasións, acontece que ao aprofundarmos na fala de xente de idade aparecen construcións máis xenuínas, documentadas no ámbito galego-portugués xa desde hai centos de anos.

 

Para termos unha lingua de calidade debemos acudir a esta tradición galego-portuguesa?

 

Sen dúbida, e non só a ela, mais tamén á nosa literatura contemporánea, ao portugués actual, ao falar das persoas de idade etc. Hai xente que é lusista e non o sabe, moitos avós e moitas avoas son “reintegratas” e non o saben [ri].

 

[Podes ler a entrevista íntegra no número 278 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais]



x