COMO DICILO?

Negar o nesgo

Negar o nesgo
Nesgas
Nesgas  

Igual negar é moito dicir. Deixémolo encuestionar, en pór en dúbida, entratar de matizar o seu emprego. Limitar o seu uso irreflexivo e abusivo, abonda con iso.

 

Hai xa algunhas décadas que a tradución sistemática e subsidiaria do español sufrida arreo polo galego ao través de mentes e linotipias (hoxe procesadores de texto, correctores e tradutores automáticos) vén introducindo os españolismos sesgo, sesgado etc., disfrazados de nesgo, nesgado

 

O Dicionario da Academia Galega -noutros casos ben tolerante cos españolismos- ten nesta ocasión unha actitude inequívoca. Inclúe só tres acepcións da familia léxica : 1) o substantivo nesga ("Anaco de tea de forma triangular que se lle engade a unha peza de roupa para darlle máis amplitude"; 2) o verbo nesgar ("Cortar [unha tea] en sentido oblicuo aos seus fíos"; e 3) a locución ao nesgo (« En sentido oblicuo »).

 

En portugués, nesga, a maiores do sentido coincidente co apuntado enriba, ten tamén un segundo de "pequeno pedaço, retalho" e un terceiro de "pequeno espaço, fenda". Dáse a palabra como procedente do castelán pois tamén nesta lingua se atopa co primeiro dos significados. Pola nosa banda, sinalaremos a coincidencia de variantes galegas como nisca/nisco na segunda acepción constatada en portugués, e esguellar, esguello, de esguello, coincidentes na oblicuidade. 

 

A partir dese sentido de oblicuo, o español tirou de sesgo (tardiamente, no século XVI) sesgado, co novo valor de torto, retorcido;  fálase así de argumento sesgado, sesgadas intenciones, interpretación sesgada, etc. É o que agora se infiltra en galego na palabra "disfrazada".

 

O importante, en todo caso é expresarmos en galego auténtico este matiz, e a cousa está ben clara : temos un amplo abano no que escoller: torto/torcido, retorto/retorcido, esguellado, esgueirado, deformado, terxiversado, manipulado, desviado, distorsionado, parcial, etc. E de ser nun alto grao e con malevolencia, chegariamos a torticeiro.

Sexa dito sen retortas intencións.



x