"COMO DICILO?", NOVA SECCIÓN EN SERMOS

“Nesta década sufrimos unha grave regresión do galego en medios de comunicación, ensino e administración”

“Nesta década sufrimos unha grave regresión do galego en medios de comunicación, ensino e administración”
Imaxe: Palabras Conxeladas
Imaxe: Palabras Conxeladas  

Conversamos co escritor e tradutor Henrique Harguindey, que comeza esta fin de semana unha serie de artigos en Sermos Galiza baixo o título ‘Como dicilo?’. Unha colaboración na que trata a importancia  de coidar o idioma.


Henrique Harguindey (Lugo, 1946) é un escritor e tradutor cunha ampla traxectoria e recoñecemento. Clásicos como ‘Gargantúa e Pantagruel’ de Rabelais, ‘O reiciño de Galicia’ de Victor Hugo,  `Macbett’, de Eugène Ionesco ou ‘Zazí no metro’, de Raymond Queneau, entre moitas outras, están no noso idioma grazas a el. Tomou parte en diversas obras colectivas e tamén navegou polos océanos do ensaio, con diversos traballos publicados. Enceta agora en Sermos GalizaComo dicilo?’, unha serie de artigos que irán publicándose periodicamente e nos que latexa a preocupación polo galego.

- Que vai ser ‘Como dicilo?’

- É unha proposta ante dúbidas ou situacións nas que empregamos frases, expresións, que non son, por dicilo así, as máis propias do galego. Moitas veces deixámonos levar polo ouvido, porque hai determinadas formas que son tan repetidas polos medios de comunicación, como por exemplo ‘A buenas horas, mangas verdes’, que se acaca traducindo automaticamente por ‘A boas horas mangas verdes’. Iso en galego non existe, hai xeitos de dicir ese significado: ‘Tarde piache’, por exemplo, ou ben ‘Agora xa foi, Marica non chores’. Son expresións que temos de toda a vida mais que a moitos galegos falantes xa non se nos ocorren, temos o ouvido inzado de expresións foráneas. Eu teño traducido moito e esas circunstancias atópoas con moita frecuencia, de aí o interese en defender as formas galegas.

- No fondo subxace unha preocupación pola lingua de Galiza e unha visión desta como algo autónomo...

- Autónomo ou mesmo independente dentro das linguas romances. Ten as súas características fronte ao español ou catalán, e hai unha unidade profunda galego-portuguesa. Mais temos un perfil propio, que é o que todos aqueles que lle queremos á lingua debemos preocuparnos por manter.

- Ás veces parece que imos cara a un idioma que semella unha simple tradución do español ao galego, asumindo as súas propias expresións e xiros...

- Estamos nunha sociedade que vai a ritmo de vertixe, e moitas veces non coidamos as cousas como deberiamos: as expresións, as construcións... Iso fai que moitas veces non nos deteñamos un pouquiño e teñamos en conta estas cousas.

- Hai nestas achegas que fai en forma de artigos unha preocupación pola corrección e bo uso do galego en tanto en canto ferramenta dos xornalistas que escreben nese idioma, unha chamada  para que coidemos o idioma...

- Efectivamente. Nós estamos un pouco marcados pola etapa do galego cando ese era, digamos, lingua coloquial, non recoñecida E iso semella que segue a pesar, que como un fala galego xa é de abondo, sen se preocupar por se ese galego está deturpado ou inzado de castelanismos. E iso non. Que entraron castelanismos no idioma? Pois hai que limpalos e para iso debemos coñecer o galego. E a nosa ferramenta, profesores, xornalistas, todos os que escriben en galego, é o galego. E debemos de preocuparnos por perfeccionalo.

Nunha sociedade na que cada vez é máis limitada a presenza do galego, hai menos estímulos.  Por exemplo, cando temos que escoller unha palabra imos á que está máis repetida: medrar e crecer ou labios e beizos, por poñer dous exemplos. Até hai non moito en Galiza sempre se dicía medrar, non crecer, que non está mal dito, non é un castelanismo. Mais que pasou? Que xa se impón crecer, que é a máis próximo ao castelán.

- A min iso pasoume con palabras como ‘mancar’ ou ‘amolar’, que eran de uso común  cando eramos pequenos e que hoxe en día nin nós mesmos as mantemos, trocándoas por expresións como ‘facer dano’ ou ‘fastidiar’

- Somos seres sociais, que respondemos a estímulos e o que estamos oíndo fica aí e vai como se fose sepultando outras expresións que empregamos máis propias do galego. Semella que temos que facer unha regresión (ri). E naquelas palabras, a que diciamos antes de beizos e labios, xa non se escolle a forma máis propia nosa, máis distintiva. E isto pasa non só con palabras, tamén con expresións, frases feitas, construcións....

- En 2011 vostede, canda outros, impulsou un manifesto no que reivindicaba a presenza para o galego dun 50% en medios de comunicación, nos xornais e programas televisivos. Se daquela esa petición semellaba utópica, hoxe é imposíbel?

- Creo que agora estamos nunha situación máis feble de defensa da lingua. E iso é fundamental, temos que volver a pular pola presenza do galego nos medios de comunicación, no ensino, na administración. Hai dez ou quince anos semellaba que se daban avances neses camiños, mais desde hai unha década o poder político posicionouse claramente contra o galego e os recortes lingüísticos comezaron antes que os recortes económicos e mancan igual. Nesta década sufrimos unha grave regresión do galego en medios de comunicación, ensino e administración. Hai que recuperar esa unidade, esa conciencia de que temos que exixir a presenza do galego.

- Xa para rematar, e dando un pinchacarneiro: coa experiencia de décadas que ten como tradutor... Como ve o panorama actual da tradución en Galiza?

- Véxoo bastante ben, mesmo moi ben. Se consideramos o que acontecía hai 40 anos, deuse un paso de xigante. Nos 60 non chegaban os libros traducidos doutras linguas ao galego a unha vinte. Hoxe hai moitisimos. Un paso importante, os tradutores xa non son simples afeccionados, son xente cualificada e con carreira universitaria propia; as editoriais comprenderon que este era un campo importante; e tamén se logrou que a administración tomase unha postura decidida de apoio á tradución. Isto todo levou a que o galego se atope entre as 50 linguas do mundo que teñen maior fondo de libros traducidos. Hai unha estatística da Unesco que se pode consultar pola rede (index translationum) e que certifica iso. Ademais, que  lugar ocupa o galego en traducións a outras linguas? O 48. Isto debe darnos azos para que se potencie isto.

 



x