COMO DICILO?

Non che é por aí

Non che é por aí
...e un gato é un bicho
...e un gato é un bicho  

Ás veces, cando alguén está a nos contar algo que nos parece deliberadamente enganoso, facémoslle un sinal inequívoco de suave desacordo, de advertencia amistosa. O máis frecuente é que levemos o dedo índice dunha man debaixo do noso ollo dereito e tiremos suavemente da pel cara abaixo  dicindo: "Mírame aquí que teño un lixo!". O que lle vimos transmitindo á persoa interelocutora vén sendo "É tan verdade o que che estou dicindo como o que ti me contas a min, é dicir: nadiña".

 

O mesmo mecanismo de desarticulación de determinadas frases feitas e locucións estereotipadas atopámolo cando unha extensión inesperada desa frase provoca a desautorización da súa mensaxe primitiva.  Unha afirmación solemne de alguén que asegura "Palabra!" cai no ridículo ante a retranca do interlocutor cando este retruca"díxolle o lobo á cabra". Coma tal: "Non me enganas, que ben te vexo vir". O mesmo ocorre cando alguén que afirma "A cada un o seu" ve que lle continúan a frase con... "dixo o que roubaba". Estánlle transmitindo neste caso: "Si, ho, ti es ben de fiar!"

 

Tampouco debemos ver sempre neste procedemento unha mensaxe rotunda e formal, unha caste de acusación. A situación comporta suficiente ironía como para relativizar a parte do enfrontamento coa familiaridade da broma: o humor desarma amistosamente; non hai loita e en certo sentido as dúas persoas que interveñen comparten a rexouba. Por exemplo, se alguén afirma "Veremos" e o interlocutor completa "…e eran dous cegos", o que se produce é unha mensaxe para os dous  que falan: "igual non imos ver tanto como a nós nos parece".

 

E, decididamente, a carga festeira, de risa, é a que está presente cando "limitamos" e "desautorizamos" determinadas valoracións máis ou menos implícitas nalgunhas expresións e frases feitas e lles rebaixamos as pretensións:

 

-Un día é un día. -"…E seis media ducia", sente dicir alguén que xustificaba saírse da norma facendo un "exceso".

 

-Un home é un home. - "…E un gato un bicho", báixalle os fumes  a un aparente machismo.

 

Lembraremos a conto disto unha frase tradicional galega ben clara da advertencia do que estamos a comentar: "Non vai por aí o gato ás filloas!"

 

Distanciémonos, por principio, un pouquiño das situacións solemnes de máis, que tenden ao dogmatismo e ao acartonamento. Saibamos rir un alguiño de nós mesmos e con nós mesmos e os outros. Desfrutaremos máis da vida.



x