A MESA E A CIG ESIXEN A DIMISIÓN DE MILAGROS OTERO POLOS SEUS ATAQUES AO GALEGO

"Non nos vale esta Valedora"

"Non nos vale esta Valedora"
Concentración para esixir a dimisión da Valedora do Pobo. Foto: A Mesa
Concentración para esixir a dimisión da Valedora do Pobo. Foto: A Mesa  

Os esforzos da Valedora do Pobo, Milagros Otero, por refrendar o discurso lingüístico do Partido Popular e os seus ataques lexislativos á lingua galega levaron a que A Mesa pola Normalización Lingüística e a CIG Ensino esixan a súa dimisión. Así o escenificaron esta mañá nunha concentración perante a sede da institución, ao carón do Parlamento de Galiza en Compostela, coa palabra de orde "Valedora dimisión".
 


"Desde que esta señora chegou ao cargo", sinalou o presidente da Mesa Marcos Maceira aos medios de comunicación, "traballou en contra do galego". Só en 2016, a Mesa presentou máis de 300 queixas por discriminación lingüística. A Valedora non actuou en ningunha. Si funcionou, porén, á hora de se sumar oficialmente as teses contarias á normalización do galego e, por extensión, á lexislación vixente.

 

Milagros Otero esixiu que as cartillas de vacinación do Sergas estivesen en castelán. Denunciou que un centro de ensino penduraba nas paredes cartaces a prol do galego. Apoiou, en contra da Lei de Normalización Lingüística aprobada por unanimidade no Hórreo, a Garda Civil de Gondomar que esixiu sinais de tráfico coa topinimia en castelán. Non fixo nada contra o abuso de autoridade dun profesor contra unha cativa de 9 anos que empregou a forma "Galiza" -lexítima histórica e ortograficamente- nunha redacción.

 

"A Valedora foi máis alá que a propia Xunta de Feijóo para xustificar a brutal redución de horas de galego da LOMCE", engadiu Diego Boquete, da CIG Ensino. Segundo Marcos Maceira, Otero é "unha francotiradora contra o galego, que non serve ao seu cargo e deslexitima a institución". "Non recoñecemos a Valedora como tal e ten que dimitir", avisou. A partir de agora, A Mesa pola Normalización Lingüística dirixirase á institución, que entende "necesaria", pero non á súa titular.

 

Cunha mención ao apartado primeiro do artigo 2 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, que asegura que ningunha persoa pode ser discriminada por -entre outras- razóns lingüísticas, e berros de "non nos vale esta Valedora", rematou unha protesta na que participou o deputado do BNG Xosé Luís Rivas, Mini.



x