COMO DICILO?

Núcleo duro

Núcleo duro

Vense utilizando moito, duns anos a esta parte, a expresión núcleo duro para denominar o elemento central, substancial e cohesionante nun obxecto ou concepto, e maiormente nun grupo de persoas. Así, por exemplo :

 

A sensación de impunidade segue instalada no núcleo duro dos dirixentes estatais

 

Parece que a locución ten orixe no francés noyau dur que pasou talmente ao inglés e foi traducida a outras linguas, entrando tamén en galego.

 

En francés noyau expresa as múltiples acepcións do que noutras linguas expresamos coa palabra núcleo e ten ademais a acepción  de ‘parte dura e leñosa de certos froitos como pexegos, cereixas, olivas ou ameixas, que encerra a semente’ ; é  a nosa carabuña, un núcleo realmente duro pois outros froitos teñen núcleo mol, como a mazá, que ten carozo e non carabuña. Sinalemos ao paso, que a palabra núcleo esta vencellada coa idea de parte dura e leñosa do froito ao derivar do latín nux –nucis, « noz ».

 

Naturalmente, o feito de que teñamos en galego a palabra núcleo non exclúe outros sinónimos, e mesmo máis tradicionais entre nós. É o caso do cerne ou a cerna (‘parte central e máis dura do tronco das árbores’) coñecida tamén co nome de durame. De aí proceden os adxectivos cernudo e cernello. Por extensión, cerne/cerna denomina a parte central e fundamental de algo, o núcleo, o miolo. O cerne, aplícase tamén ao máis íntimo, o máis interior de algo ou de alguén.

 

Na terminoloxía científica (Ciencias Naturais e Exactas, Humanas e Sociais) a palabra núcleo é abundantemente utilizada : en Botánica, Bioloxía, Matemática, Astronomía, Física, Xeoloxía, Xeografía, Lingüística…

 

Curiosamente, nalgúns eidos da Ciencia como en Química Inorgánica, Matemática ou Informática, fálase do cerne como sinónimo de núcleo. Ou, máis concretamente, do seu parente o kernel, unha palabra procedente do inglés co significado de ‘centro, noz, carabuña’, etc. da mesma orixe que o noso cerne/cerna.

           

Por iso, ao traducir un texto francés no que un profesor  falaba do  noyau dur preferín esoutro día  cerna en lugar de núcleo duro, dicindo :

 

Unha perspectiva que constitúe a cerna da nosa identidade profesional.

 

 Moito mellor, non si ?



x