PALABRAS CON MEMORIA

Nun mundo tan diverso, cada quen é como é

Nun mundo tan diverso, cada quen é como é

Estruleque.- Persoa, preferentemente cativa, amiga de fedellar, graciosa e ocorrente.

Lugar de escoita.- O Courel.

Fonte.- Dun vocabulario courelao. 

 

Esturcias.- Persoa que fala sen xeito e incluso conta mentiras, estrucias. 

Exemplo: Es un esturcias, non paras de contar trapalladas.

Lugar de escoita.- Navia de Suarna.

Fonte.- Endl de Navia de Suarna/5º e 6º de primaria.

 

Fervillas fabas.- Fervellasverzas, fervello, persoa que non para quieta.

Lugar de escoita.- O Courel.

Fonte.- Dun vocabulario courelao.

 

Ghaldromeiro.- Persoa á que lle gusta andar co limo, persoa porca.

Lugar de escoita.- Muxía.

Fonte.- Proxecta Buserana de Muxía.

 

Lamparillas.- (Ademais de significados xa rexistrados) Persoa que leva moitas alfaias.

Lugar de escoita.- San Lázaro (Mondoñedo).

Fonte.- María Celina Cruz Rodríguez.

 

Macoco (santo).- Chámaselle así ironicamente ás persoas que non son de fiar. 

Exemplo: “Antón éche un santo macoco” (é boa prea).

Lugar de escoita.- O Barbanza.

Fonte.- Constantino Prego.

 

Marmelo.- (Ademais do obvio significado. En sentido figurado) Dise da persoa que non se expresa con claridade.

Lugar de escoita.- Muxía.

Fonte.- Proxecto Buserana de Muxía.