COMO DICILO?

O pandote

Rapaces xogando ás apandas
Rapaces xogando ás apandas  

Como é sabido, en castelán, a partir do adxectivo ou substantivo pagano (en galego pagán), que significa "alleo ou oposto ao cristianismo", creouse  unha palabra homónima (do mesmo son e mesma grafía mais con distinto significado). Este pagano, creado por xogo de palabras co verbo pagar, significa persona que paga, generalmente por abuso, las cuentas o las culpas ajenas”. A persoa que paga o pato

 

En galego temos unha palabra ben viva dende hai séculos para denominar esta persoa: o pandote. Deriva do verbo pandar (ou apandar), que ten un amplo uso na nosa lingua. O primeiro sentido é o de ‘empenar, combar, arquear’. Dicimos así, por exemplo: A madeira do corredor está un pouco pandada, A parede do cuarto panda algo ou O señor Antonio pandaba xa coa idade.

 

Aínda que as causas deste empenamento poden ser varias (peso, humidade, etc),  o verbo pandar vén sendo sinónimo de cargar. Por exemplo: Tivo ela que pandar co traballo todo / Agora tés que apandar coa responsabilidade.

 

En galego temos unha palabra ben viva dende hai séculos para denominar esta persoa: o pandote

 

De aí, logo, o pandote, persoa que carga –ás veces inxustamente- con todo ou practicamente todo, pandando coas culpas ou o traballo doutros Enténdese tamén que por semellanza fonética co pandote falemos do pagote, o que realmente paga mentres os outros se zafan.

 

O verbo pandar/apandar é moi utilizado no xogo infantil. A persoa que apanda é a que carga co traballo de ter que pillar as outras (se esa é a mecánica do xogo). Varios xogos reciben o nome de as apandas, como aquel no que os participantes saltan por riba dun que apanda baixando o lombo, ou choutan sucesivamente saltando uns tras dos outros (nós chamabamoslle a este as apandas corridas).

 

Ben sabido é que o xogo infantil é unha preparación dos nenos e as nenas para a vida real, e nesta por veces temos que apandar co que nos cargan. Mais temos tamén que aprender a non sermos o pandote.

 

Como quixeran algúns que fósemos sempre. 

 



x