COMO DICILO?

Oh!


Ás veces, nunha conversa, para lle darmos  un pouco de énfase  ou para nos mostrarmos máis próximos á persoa con quen falamos, utilizamos expresamente a palabra home ou muller, segundo o  xénero. Por exemplo:

 

            - Mercácheslle o libro ao teu sobriño?

            - Cala, home, cala, que me esqueceu  (ou  Cala, muller, cala...)

 

 A palabra home aparece con moita frecuencia truncada en hom/ho; é o que se coñece como “apócope” (igual que en santo>san, grande>gran ou friaxe>friax). No anterior exemplo o apócope podería ser ho ou hom.

 

Este ho fíxose tan frecuente que, ás veces, as persoas que o usan chegan a perder a conciencia do que significaba orixinalmente e enténdeno só como esa marca de énfase. E, sen se decataren de que están a empregar un masculino (home) utilízano con frecuencia para falar cunha muller. Abusivamente, hai quen se dirixe a ela dicindo: Cala, ho, cala...

 

Si, ho!, Non, ho! son negacións moi frecuentes e implican familiaridade entre as persoas que falan.  A segunda, a negativa sería a alternativa galega fronte á foránea Que va!, outro evidente calco do español.

 

Para moitas persoas, a fórmula ho perdeu tanto o significado que chegan a confundila coa exclamación, a interxección, oh. E escribirían, daquela Cala, oh, cala!

 

Agora ben, o que nunca temos ouvido nin lido é mu en lugar de muller, única forma feminina. Causaría asombro dicir Cala, mu, cala!

 

Próxima fonéticamente a ho é a partícula ou, en frases como:

             

            - Mercácheslle o libro ao teu sobriño, ou?

 

Neste caso non estamos ante a interxección ouh! senón ante unha construcción na que está elíptíco, implícito, non expresado, o verbo da frase insinuada: Mercácheslle... ou non llo mercaches? /Mercácheslle... ou non?

 

Estas partículas, úsanse preferentemente na linguaxe oral e presupoñen unha certa confianza, mais pasan con frecuencia á escrita nos diálogos.


Como é o caso das mensaxes por móbil, os tuits e demais feisbucs, que algúns culpan de desfavoreceren a conversa e o diálogo.

 

Cousa  discutible, ou?



x