COMO DICILO?

Orde social

Orde social
Non somos todos iguais: paxariños e pardais!
Non somos todos iguais: paxariños e pardais!  

Distintos son, a través dos séculos, os modelos para conformar a  orde social, o que se entendería por unha sociedade xusta. E non só mudan cos tempos: tamén nunha mesma época se enfrontan diferentes visións, segundo atendan aos intereses duns ou outros sectores da poboación. As frases feitas, ditos e expresións, poden por veces translucir distintas ideoloxías pois, como sabemos, aquelas foron creadas  e alentadas por mulleres e homes concretos que forman parte dos grupos sociais. Por exemplo, a expresión Non somos todos iguais: paxariños e pardais!  existente en galego e portugués recalca a diferenciación elitista e engreída dende un suposto nivel social máis alto.

 

Se reparamos na locución Sóbense os bancos ás mesas, que se utiliza para caracterizar unha situación na que "os de embaixo" queren ocupar a posición de "enriba", poida que as distintas persoas que a empreguen ou que a escoiten lle dean unha valoración diferente, con graos de acordo ou de desacordo variados sobre a xustiza desa reivindicación, pretensión, alteración, subversión ou como cadaquén queira denominar o propósito. En calquera caso, a frase, clara alusión a unha determinada estruturación da sociedade, tamén pode ser entendida como metáfora da revolta xeneracional -novamente a orde social, ao cabo- na que os mais novos e subordinados reclaman ocupar outro lugar.

 

Ben transparente é a frase Andan os ladróns atrás dos que rouban para caracterizar que dúas persoas ou grupos son iguais canto á súa escasa fiabilidade. Seica alguén cre que os ladróns van de certo perseguir os que rouban ? Non hai senón que botar a ollada de arredor. A locución está na liña doutras como Son lobos da mesma camada, Tan bo é Xan coma o seu irmán ou Son bos peixes todos elesAndan os ladróns… trátase dunha frase tradicional, antiga en galego, aínda que se diría talmente feita para a actualidade. Pura coincidencia, claro, mais tamén proba da perspicacia, a expresividade da experiencia histórica da nosa xente, porque o que temos agora hai ben anos que naceu.

 

E neste mundo do revés, as cousas poderían chegar a un extremo que parece inverosímil: Vólvense os paxaros contra as escopetas. Fartos de seren sempre cazados, sempre vítimas dos que exterminan o mundo, os pacíficos paxariños bótanse ás escopetas nun desafío desigual. Dará a forza da razón triunfado sobre a razón da forza ?

 

Rematemos, logo, cunha cantiga popular que chama polo respecto á vida :

 

A aquela pombiña branca

que está no fondo da eira

non lle me tires o tiro,

que é a miña compañeira.

 

 



x