PALABRAS CON MEMORIA

Palabras retortas e retrancadas

Palabras retortas e retrancadas
Un arangotango, en concreto do Borneo
Un arangotango, en concreto do Borneo  

Acaralloar.- Forma grotesca da palabra acaroar.

Exemplo: “Dispareille e pasoulle o tiro acaralloando”.

Lugar de escoita.-Cuntis.

Fonte.- Marcos Seixo.

 

Arangotango ou arangutango.- Orangután.

Lugar de escoita.- San Martiño (Vilaboa do Morrazo), Santa Mariña de Covelo (Covelo).

Fonte.- Sé Anxo Rosales González.

 

Atortorar .- Verbo que significa dar voltas ao tortor, que en terminoloxía náutica designa cada unha das voltas con que se retorce, por medio dunha palanca, a trinca de cortiza que liga dous obxectos afastados entre si.

Lugar de encontro.- En De catro a catro e outros textos de Manuel Antonio.

Fonte.- Ismael Viñas Montes de Oca.

 

Barracallazo .- (Ademais de significados xa rexistrados) Flatulencia ruidosa, peido escandaloso.

Lugar de escoita.- Sabucedo (A Estrada).

Fonte.- Manuel Cabada Castro.

 

Camalloada.- Camada. Como no caso do seu sinónimo máis habitual, se se refire a persoas é con connotacións despectivas.

Lugar de escoita.- O Barbanza.

Fonte.- Constantino Prego.

 

Cendedallo.- Garabullos para acender o lume.

Exemplo: “Cendedallo, cendedallo, e logo troncos como a miña perna”.

Lugar de escoita.- Cesar (Sarria).

Fonte.- María Xosé López Castro.

 

Collabración.- Aparato reprodutor externo masculino.

Lugar de escoita.- O Courel.

Fonte.- Dun vocabulario courelao.

 

 

…………………………………………………………………………………………….

 

Palabras con Memoria é unha sección que coordena a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Todo o material podes consultalo aquí.

 

Se queres achegar algunha palabra que non apareza nos dicionarios, dirixe as túas propostas ao correo palabra.con.memoria@aelg.org (indicando a palabra, a súa acepción e o lugar en que foi recollida) ou cobre este formulario.

 



x