Un prato pronto para ser papado
Un prato pronto para ser papado  

Moi frutífera lingüisticamente é a voz pa (ou ba/ta), balbucida polas criaturiñas e da que deriva en moitas linguas o nome familiar do pai. En galego e portugués  temos así papá/ papai.

 

Tamén desa voz procede a palabra papa  para o alimento  infantil feito tradicionalmente a base de leite e fariña que se lle dá aos meniños e meniñas nun primeiro tempo. E dela procede igualmente o verbo papar, sinónimo de comer.

 

Delas veñen unha multitude de palabras: papafigos, papaxantares, papaventos, paparrabias, paparota, papo, paporrubio, papeiras, papanduxa, papelos, paparote, etc. E as veces hai nelas unha carga pexorativa: papón, papán, papainas, papaleisón, papamoscas, papallada, etc 

 

Son tamén moitas, as expresións  galegas formadas con papas. Entre elas, un grupo ben arraizado entre nós: 

 

Comerlle ás papas a alguén é vencer a unha persoa, triunfar sobre dela, gañarlle. Pode ter o uso máis concreto e propio de ‘ser máis grande’ –ao comparar dúas persoas- como se entende moi ben se reparamos na expresión orixinal completa: comerlle as papas na cabeza.  Esta locución tería o seu equivalente castelán en dejar zapatero ou dar sopas con honda. Certo é que neste caso o galego amósase máis rico, pois abranxe tamén o punto de vista da persoa que perde, ao pedir papas, é dicir declararse vencida.

 

Tamén ben expresiva é non ter papas na boca  ‘falar as cousas claramente, con toda franqueza’.

 

É con papo, a parte do corpo pola que se papa, temos cantar no papo (ou ter/estar no papo) para expresar que algo está xa en posesión de alguén… ou que o dá como cousa segura: Xa me canta no papo! Non sería estraño que houbese unha relación entre este cantar/estar/ter no papo e o pito do tarde piaches! que  xa temos comentado.

 

Encher o papo é satisfacer cumpridamente a fame.

 

Coa mesma lembramos que papo denomina certas partes carnosas do corpo, que parecen estar “ben mantidas”, como o papo da orella, o papo da man, o papo do dedo, o papo (ou barriga) da perna…

 

E para rematar outra expresión  tamén comentada ter (moito) papo, é dicir ter moito arruallo., moita facenda, cun aquel de atrevemento e de descaro.

 

E poderiamos –se lles parece a lectoras e lectores- propor este dito novo: Co papo cheo ben se fala.

 

Claro está, sen papas na boca.



x