COMO DICILO?

Pola tanxente

Pola tanxente
O arco da vella
O arco da vella  

O  dicionario on line da Academia Galega define a locución escapar pola tanxente /saír pola tanxente como "Eludir unha dificultade ou unha situación que presenta conflito, mediante algún artificio, por exemplo, respondendo outra cousa distinta ao que se pregunta".  A locución existe en varias linguas románicas (galegoportugués, español, catalán, francés, italiano…) e debe ser relativamente moderna, comezado  xa o século XIX.

 

En español existe unha expresión similar moi antiga (aparece xa no Quixote) e ben curiosa: Irse por los cerros de Úbeda que, segundo contan, tería orixe nun feito real do século XIII. Un cabaleiro que andaba na guerra contra os mouros escapuliuse da batalla e máis tarde, cando lle preguntaron onde se metera, respondeu que se perdera polos cerros de Úbeda. E a resposta fíxose célebre.

 

Temos en galego unha locución equivalente?  

 

De certo que saír ou irse pola tanxente significa o mesmo, aínda que é moito menos expresiva que estoutra.

 

Para a miña sorpresa, nun grupiño de traballo de recolleita de léxico e fraseoloxía do Morrazo do que formo parte, a compañeira Emma Tilves, de Loira, trouxo  un día a expresión ir ou irse polo arco da vella ‘Responder cun discurso evasivo, dar rodeos’. E Salvador Castro, outro compañeiro da terra de Bueu, ratificouna.

 

Realmente, a expresión é preciosa e está inscrita na nosa tradición oral.  Dis que o arco da vella se mergulla nos ríos para beber da súa auga, e se hai algunha mociña nos arredores pode levala tamén; por iso esta fórmula transmitida ao través dos tempos:

 

Arco da vella, vaite de aí,

que as nenas bonitas 

non son para ti!

 

Esta vella seica é unha divindade mítica que goberna a natureza, da que hai abondosas pegadas no folklore europeo; entre nós atribúeselle a xeada (Esta noite peneirou a vella) e mesmo a calor abafante (Como atizaba a vella!) e é lóxico que se encarne na luz no medio da escuridade da noite: de aí certas  denominacións do vagalume: a vella facendo as papas, a vella facendo o caldo ou, por antonomasia,  a vella

 

Espero que ao falar desta presenza na tradición popular non fora eu polo arco da vella. Nin saíra pola tanxente.

 



x