Política Lingüística súmase á campaña cidadá polo galego en Ikea

Política Lingüística súmase á campaña cidadá polo galego en Ikea
O secretario xeral de Política Lingüistica Valentín García no Parlamento. Foto: cedida.
O secretario xeral de Política Lingüistica Valentín García no Parlamento. Foto: cedida.  

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de anunciar o seu apoio á campaña cidadá que reclama á multinacional sueca Ikea o emprego do galego nos seus centros comerciais. Ademais, afirman desde o organismo da Xunta, poñen á disposición da mesma “medios técnicos de asesoramento”.
 


O departamento que dirixe Valentín García enviou tamén un “completo escrito” a Ikea Madrid e Ikea A Coruña en que “pon de manifesto as vantaxes de galeguizar a súa cadea comercial” en Galiza.

 

A popular rede de tendas de mobles só emprega, no Estado español, o euskera, o catalán e o castelán, tanto na súa páxina web como na atención telefónica á clientela. Unha mensaxe viral, que circula polos teléfonos móbiles e redes sociais, asegura que desde a empresa “din que non  teñen opción en galego porque non se solicita”. Para facelo, a campaña anexa un formulario.

 

A Mesa fai parte da campaña para pedir que o galego exista en Ikea. A organización presentou recentemente unha iniciativa lexislativa popular (ILP) apoiada por máis de 27.000 sinaturas para recoñecer o dereito a ser atendidos en galego no ámbito socioeconómico.



x