COMO DICILO?

Popular

O polbo, sempre presente no campo da feira
O polbo, sempre presente no campo da feira  

Para o Mingos, na emoción

 

Falamos moitas veces de "cultura popular" sen querermos dicir coa expresión que os elementos que a constitúen non tivesen autor. Ou que ese autor fose un ser colectivo  e intemporal, resistente ao paso do tempo e despregado permanentemente ocupando todo un territorio. Non, popular implica que unha colectividade interioriza esa manifestación como propia, que o nome concreto do autor, da autora, desaparece e que outras persoas ao longo do tempo van aportando, enriquecendo ou sinxelamente modificando esa creación que se ten como patrimonio de todos. Mais eses "todos" foron tamén homes e mulleres concretos e individuais da comunidade que coa obra deixaron a súa pegada, mesmo se as máis das veces descoñecemos o seu nome e o lugar e o tempo nos que viviron.

 

O dito é válido para un cruceiro, para unha cantiga, para un conto, para unha música e demais manifestacións do patrimonio tradicional, material ou inmaterial. É naturalmente para unha frase feita, unha locución, unha expresión figurada.

 

Mais o tempo non pasa en van: moitos elementos desa tradición pérdense, morren ou abandónanse. E aparecen outros: créase e recréase, anóvase e innóvase. As propias frases feitas –aparentemente inmunes ao paso do tempo- perden espontaneidade, capacidade de sorpresa, frescura e poden chegar a ser repetitivas e tópicas, polo que rematan ás veces arrombadas e abandonadas por moitas persoas, cansas de empregalas, que as desbotan do uso. Mais seguimos moitas veces lembrando a sorpresa e a ledicia que nos causou escoitalas por primeira vez.

 

Eu podo case lembrar cando sendo rapaz escoitei dicir de alguén que estaba más perdido que un pulpo en un garaje. Houbo unha época de esplendor da frase, estaba de moda; agora parece que está en total declive. Novas expresións viñeron ou virán substituíla. Creadas por homes e mulleres concretos, coñezámolos ou non.

 

Por iso, cando esoutro día un amigo meu, cavilando, propuxo a frase da súa invención máis perdido ca un piollo no campo da feira alegreime. Tanto polo seu contido como pola súa forma a frase entronca ben na cultura popular galega.

 

Porque, como din en italiano, se non é vero é ben trovato.



x