PALABRAS CON MEMORIA

En porrancho ou vestidos, cinco xuntos repetidos

En porrancho ou vestidos, cinco xuntos repetidos
Zocas forrudas
Zocas forrudas  

Agulleteiro.- (Ademais de significados xa rexistrados) Zona do zapato onde están os amallós.
Lugar de escoita.- O Courel
Fonte.- Dun vocabulario courelao.

Calzupos.- (Ademais doutros significados xa recollidos) Calcetíns gordos de la.
Lugar de escoita.- Taboada (Lugo)
Fonte.- Xulio López Valcárcel.

Empeña.- (Ademais de significados xa rexistrados) Coiro dos zapatos ou galochos.
Lugar de escoita.- O Courel.
Fonte.- Dun vocabulario courelao.

Engatiñar.- Poñerse os dedos tesos, mesmo polo frío.
Lugar de escoita.- Gondaísque (Terra Cha).
Fonte.- Antonio Eimil.

Espertigar.- Tremer, producir estremecemento. Exemplo: “Metín os dedos nun enchufe e fíxome espertigar”.
Lugar de escoita.- A Mariña de Lugo.
Fonte.- Miguel Hernández Viñas.

Forrudo.- Forte, resistente. 
Exemplo: “Eses zapatos non lle han durar nada ao cativo, tiñas que mercarlle outros máis forrudos”.
Lugar de escoita.- Burela (Mariña luguesa).
Fonte.- Mario Ferreira.

Prensilar.- Agarrar algo coas dedas. Engruñar. 
Exemplo: “O bebé prensilou as sabas cos dedos dos pés”.
Lugar de escoita.- Mazaricos.
Fonte.- Vanessa García Calvo.

 

Palabras con Memoria é unha sección que coordena a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Todo o material podes consultalo aquí.

 

Se queres achegar algunha palabra que non apareza nos dicionarios, dirixe as túas propostas ao correo palabra.con.memoria@aelg.org (indicando a palabra, a súa acepción e o lugar en que foi recollida) ou cobre este formulario.