COMO DICILO?

Que queiran, que non

Que queiran, que non
Por fociños
Por fociños  

As galegas e galegos que contamos xa unha certa idade (de setenta para enriba), lembramos ben que cando eramos rapazas e rapaces o galego impregnaba fortemente o “castelán de Galiza”. Teño aludido xa outras veces a esta presenza constante do garimoso diminutivo en -iña/-iño, omnipresente daquela no noso país, mesmo nos que falaban español.

 

Anda, pon la chaquetiña, que hace algo de frío.

Cena rapidiño, que ya es tarde.

Ten mucho cuidadiño, que puedes tropezar.

 

Hoxe, nin as persoas que falamos arreo en galego e facemos unha defensa activa da nosa lingua coidamos axeitadamente  o noso idioma mancado. Faremos todos os esforzos precisos para colocar nas nosas frases un infinitivo conxugado, para enfiar unha construción de inequívoco sabor luso ou para utilizar unha palabra extraída do máis fondo do dicionarios, mais na nosa conversa coas galegas e galegos máis novos (por moito que  poidan chamarse Uxía, Brais, Xurxo, Iria, Roi, Sabela ou Xiana) estará con certeza ausente o garimoso diminutivo en –iña/-iño (Uxiíña, Braisiño, etc).

 

Os propios cativos interiorizan a situación. Hai xa tempo atopei un día un rapaciño de catro anos, fillo dunha parella amiga: “Ola, Carliños!” –díxenlle, e ante o meu asombro el respondeume: “No me llamo Carliños, me llamo Carlos”. Revelador.

 

Naturalmente, debemos fuxir de lles botar sempre as culpas aos demais sen mirar se nós temos algunha parte. Polo que me toca, eu ben puiden escribir, máis enriba, “…a conversa cos máis noviños”, que sería se cadra máis acaído.

 

Somos un país lingüisticamente invadido e acosado e temos a responsabilidade de defendermos  e empregarmos unha lingua que non sexa unha caricatura do español. Modelo do que forma parte -entre moitas- a recente importación dese “si ou si”, evidente calco foráneo para substituír frases nosas que indican que non se dá unha opción libre e a cousa vaise producir obrigadamente como en queiras, non queiras, que queiras, que non, guste ou non guste e tantas outras expresións que poden chegar ao coloquial e eufemístico Por fociños! que nos trae lembranzas do amigo Xabarín.

 

Non cansarei de repetir que o galego é unha lingua rica e con recursos propios abondo ante calquera necesidade expresiva.

 

“Non queda outra! É o que hai!” repite boura que boura o altofalante da resignación co permanente obxectivo de acadar a nosa renuncia.

 

-Queda tal! –respondemos- É cousa de vontade, de vontade colectiva! De sermos nós.