SOMOS GALEGO ENTREVISTA A IAGO VARELA

“Queremos Android en Galego? Moi ben, pidámolo.”

“Queremos Android en Galego? Moi ben, pidámolo.”
Imaxe da contracapa de Somos Galego.
Imaxe da contracapa de Somos Galego.  

Somos Galego, o suplemento que elaboran en parcería Sermos Galiza e a Mesa pola Normalización Lingüística, entrevista na súa primeira entrega ao coordenador da campaña #Androidengalego.


 

Que vai significar que o Android 5.0 veña co galego de serie?

A inclusión do galego como opción de idioma a partir da versión 5.0 de Android é un gran fito para a nosa lingua, xa que esta pasa a estar presente nos telefones, tablets e outros trebellos que empregan este sistema operativo, que hoxe en día teñen unha cota de mercado superior ao 90% no noso País. Desde o punto de vista dos usuarios multiplícanse as opcións á hora de elixir que dispositivos mercar, xa que a inclusión do galego será un feito e non dependerá dos fabricantes, e desde o punto de vista dos desenvolvedores facilítase a adaptación das aplicacións á nosa lingua, xa que esta será a predefinida se temos esa opción, no canto de ter que acudir a menús para seleccionala, como acontecía até o de agora.

Pero algúns telefones Android xa tiñan opción de galego, non?

Si pero non. Cando Google desenvolve unha nova versión de Android pona a disposición dos fabricantes, para que estes poidan introducila nos seus dispositivos. Algúns destes fabricantes aproveitan para mudar esta versión de software, tanto esteticamente como con funcionalidades extra. Nos últimos anos houbo algún que aproveitou estas modificacións para introducir unha “falsa” tradución ao galego, limitada aos textos dos menús e pouco máis. A novidade agora é que a versión inicial que distribúe Google xa vai en galego e non se trata só dunha tradución de menús, senón da integración da nosa lingua no sistema.

"A versión inicial que distribúe agora Google xa vai en galego e non se trata só dunha tradución de menús, senón da integración da nosa lingua no sistema"

Esta nova conquista para o galego é froito da presión dos usuarios e particularmente do éxito da campaña #AndroidEnGalego. Como se formulou esta campaña?

En Mallando no Android levamos anos traballando para ofrecermos a diario información sobre o mundo tecnolóxico, nomeadamente o ecosistema Android, na nosa lingua. Por iso tiñamos sempre moi presente esa eiva de non termos a posibilidade de empregar os trebellos en galego. Vista a pasividade institucional pensamos que era o momento de pór en marcha a campaña #AndroidEnGalego. Nunha primeira fase solicitamos apoios individuais e de colectivos comprometidos coa nosa lingua, que foron enviados á sede principal de Google en California. Paralelamente tivemos unha xuntanza coa compañía nas oficinas de Madrid para expoñer a campaña e as nosas reivindicacións, ademais de diferentes contactos de seguemento até acadarmos o noso obxectivo.

Que podemos aprender do éxito desta iniciativa de cara o futuro?

A principal lección, quizais a máis fundamental, é que hai que falar as cousas: queremos Android en galego? Moi ben, pidámolo. En certa medida asustábanos a idea de chamar ás portas dunha compañía da magnitude de Google para presentar a nosa solicitude, por medo a que nos deran coa porta nos fuciños. Nada máis lonxe da realidade: desde o primeiro momento tiveron unha actitude positiva cara a introdución do galego nos seus servizos e están a cumprir a súa palabra.

Tentará a Xunta apuntarse o tanto como xa tentara facer cando se conseguiu o Twitter en galego?

Cando puxemos en marcha a campaña recibimos unha chamada da Xunta interesándose polo tema. Tivemos unha xuntanza e percibimos un interese polo espectáculo mediático, a publicidade institucional e apuntarse un tanto que non se correspondía co que pretendiamos coa campaña, polo que rexeitamos ese apoio. Tentar apoderarse dese éxito colectivo sería moi deleznable.

"Temos que seguir reivindicando que a Xunta traballe a prol do galego, ao tempo que debemos organizarnos para levar adiante iniciativas"

O pasotismo e pasividade da Xunta contrastan coa importante mobilización e implicación da sociedade civil en defensa da lingua. Deixamos de agardar pola Administración ou debemos insistir en que cumpra coas súas obrigas?

Neste momento o Goberno do PP non está a cumprir coas súas obrigas en materia de lingua, como en moitas outros temas. Por iso temos que seguir reivindicando que traballen a prol do galego, ao tempo que debemos organizarnos para levar adiante iniciativas que consigan aumentar a presenza do galego na sociedade.

"A comunidade galega na rede é moi activa e ten unha actitude positiva cara a nosa lingua"

Os datos dinnos que o uso da lingua esmorece entre a xente moza. Porén, é no ámbito tecnolóxico ou na rede, que tradicionalmente se asocian a estas franxas de idade, onde semella que o galego está a conseguir os avances máis significativos. Como valoras isto? Hai razóns para o optimismo?

A comunidade galega na rede é moi activa e ten unha actitude positiva cara a nosa lingua. Isto evidénciase en feitos como que o galego é das primeiras linguas ás que se traducen as distribucións de software libre ou no entusiasmo que xeran iniciativas como Twitter en galego ou #AndroidEnGalego. Foise conseguindo que mesmo sectores castelanfalantes empreguen as redes sociais ou os seus trebellos na nosa lingua por sentila máis próxima, e isto a medio prazo é positivo.

Cal pensas que debería ser a próxima conquista do galego no ámbito tecnolóxico?

Tecnoloxicamente adoitamos diferenciar servizos, como pode ser unha rede social, e trebellos. Estes últimos son as ferramentas que empregamos para disfrutar dos servizos, polo que a galeguización tecnolóxica debe comezar por eles. Neste momento urxe que os produtos de Apple poidan ser empregados 100% na nosa lingua, polo que ese debería ser un dos principais obxectivos a conseguir.

Somos Galego fai parte, como suplemento, do número 120 do semanario Sermos Galiza, disponíbel nos quiosques do país e aquí na nosa loxa.



x