UNHA ESCOLMA DO PAPEL: CONVERSA CON MIGUEL PENAS

"Queriamos remarcar que o Mundial está a ser nun país galego-falante"

"Queriamos remarcar que o Mundial está a ser nun país galego-falante"
Miguel Penas, nun fotograma do vídeo 'O Mundial fala galego'
Miguel Penas, nun fotograma do vídeo 'O Mundial fala galego'  

A campaña de AGAL (Associaçom Galega da Língua) O Mundial fala galego decorre con suceso á par que a principal cita futbolística está a ter lugar en Brasil. Da boa acollida da campaña dá idea un dado: en apenas 5 días case 4.000 persoas viron un dos vídeos desta iniciativa que procura, en palabras de Miguel Penas, ex presidente de AGAL, "remarcar que a Copa do Mundo de fútbol está a ter lugar nun país galego-falante".

 

 

-Unha campaña con obxectivos claros a de 'O Mundial fala galego'..

 

-Obxectivos evidentes. Ante un acontecemento internacional de tanta repercusión como é a Copa do Mundo de fútbol non quixemos pasar por alto a oportunidade de remarcar que se realiza nun país galego-falante, o Brasil. Quixemos facer unha campaña diferente, fresca, divertida, para chegar con esta mensaxe a un público que non é o habitual. Centrámonos en Neymar e Cristiano Ronaldo porque son as estrelas das seleccións galego-falantes que compiten no Mundial.

 

-Galego-falantes?

 

-O nome que lle poñas é unha cuestión de nomenclatura. Temos claro que aquí chamamos galego ao que en Portugal chaman portugués ou en Brasil brasileiro. Tamén o español pode chamarse castellano. Para nós, Galiza fala portugués e Portugal fala galego.

 

-Considerades cumpridos os obxectivos que vos marcastes con esta iniciativa?

 

-Pódese dicir que estamos moderadamente satisfeitos (ri). A verdade é que os vídeos funcionaron ben, puxemos publicidade en diversos medios, tivo a súa repercusión...

 

-Falas dos vídeos. Para a campaña fixestes dous, que tiveron unha repercusión importante para este tipo de iniciativas.

 

-O segundo que fixemos anda nas 4.000 visitas en apenas cinco días. Os vídeos foron cousa en principio da área de audiovisual. Queriamos facer un traballo combinando imaxes dun campo de futebol e dun bar, xogar coa idea de que o galego vale desde para os grandes eventos até para as pachangas. No segundo dos vídeos xogamos con diferentes estereotipos: os galegos pro-La Roja, os galegos que non, aos que tanto lles ten... e tamén cos estereotipos do brasileiro que non entende o portugués, ou o dun de Compostela que non entende a fala dun de Carnota. E tamén con estereotipos futboleiros, do movemento anti-copa...

 

-Unha das 'marcas' de AGAL é que nas campañas tentan ser orixinais e fuxir de tons fúnebres...

 

-Sempre apostamos en tirar un pouco de ferro ás cousas, por facer algo fresco, atraínte, directo, que sexa divertido e con certo desenfado. Entendemos que se deben de facer produtos atraíntes para captar o interese da xente e para animar a reflexionar. Neste sentido, a lusofonía é un grandisimo aliado, pois permite toda unha serie de recursos ao noso alcance (imaxes, música...) para facer este tipo de campañas.

 

-E agora que Brasil fica eliminado fronte Alemaña e con Portugal xa na casa desde a primeira volta... a que equipa apoia o reintegracionismo?

 

-O Mundial é en Brasil, así que o Mundial continúa a falar en galego malia que as seleccións galego-falantes como Brasil ou Portugal ficasen eliminadas.

 

Esta entrevista apareceu no Sermos104, publicado a 10 de xullo de 2014.



x