COMO DICILO?

Regañar

Nas multitudes sempre hai algún que outro rañán
Nas multitudes sempre hai algún que outro rañán  

En galego o verbo regañar é sinónimo de ‘fender, lañar, abrirse en regañas’ (A parede regañou/ Coa seca a terra estaba toda regañada, etc.). Non ten na nosa lingua o significado que é habitual en español, sinónimo do verbo reñir (Les regañó por no haber obedecido/ Llevan mucho tiempo regañados). En galego empregariamos preferentemente os verbos roñar, rosmar, fungar e outros para o primeiro exemplo castelán, e os participios enfadados, enfrontados, mancornados, etc. para o segundo.

 

Cando falamos de regañar os dentes, regañar a moa, facémolo cun sentido negativo, agresivo ou ofensivo. É ben diferente regañar e rir. Nun coñecido conto popular, o gato dille ao raposo morto (cando menos aparentemente), estrado no chan co fociño aberto e os dentes regañados:

 

-Ei, mil mañas, ti ris ou regañas?

Ti con mil e máis un saco e gañouche con unha o gato!

 

O español conserva na expresión a regañadientes (‘a disgusto, mostrando mala cara’) un resto dese significado que  hoxe non ten e antigamente tiña.

 

A raña regaña, diciamos os rapaces de Lugo no xogo cando eu era cativo. Raña era equivalente de ‘trampa’; e un rañán era un trampón, un trampulleiro. Naquel castelán agalegado diciamos.:”¡La raña regaña! ¡Chaval, eres un rañán, siempre estás haciendo raña!”.

 

Como é sabido, o verbo rañar é sinónimo de rascar, e temos un dito moi coñecido no que el aparece: Cada un se raña onde lle proe, que ten en castelán un equivalente literal (Cada uno se rasca donde le pica) e mais algún outro figurado (Cada uno sabe donde le aprieta el zapato).

 

Leva que rañar! dise en sentido figurado de quen recibiu unha boa rosmadela.

 

Naturalmente, proer é sinónimo de picar.

 

Unha lle proe e outra lle doe é frase que indica que a alguén lle manca o corpo todo.

 

E rematemos cunha cantiga:

 

A castaña no ourizo

quixo rir e regañou,

caiu do castaño embaixo:

 

mira ti o que gañou!



x