COMO DICILO?

Renxe ou trisca ?

Renxe ou trisca ?
O pan, se fresco, trisca sempre
O pan, se fresco, trisca sempre  

Unha das cualidades máis solicitadas do pan fresco (proba de que a codia está duriña, ben cocida, mais tamén tenra) é que faga un ruídiño como de estalar, cando rompe suavemente, quer baixo a presión da man quer dos dentes. É o mesmo ruidiño que sentimos con eses xelados cubertos de chocolate ou con doces cunha capiña exterior xelificada, caramelizada.

 

Como expresalo en galego?  Hai moita xente que dubida e faino co castelanismo, dicindo, por exemplo :  Gústame o pan crujiente.

 

O crujir español  ("Dicho de algunos cuerpos, como las telas de seda, las maderas, los dientes, etc.: Hacer cierto ruido cuando rozan unos con otros o se rompen") correspondería básicamente a dous verbos en galego: renxer e triscar e as súas variantes (ronxer, runxir, ruxir, trincar, etc).  

 

Aínda que este tipo de interpretacións son sempre algo subxectivas, eu diría que renxer caracteriza un son máis desagradábel ou neutro (Sentía renxer o chan baixo os seus pasos) e triscar máis lixeiro (Ao abrir a man triscáronlle os dedos). Sinalemos como sinónimos parciais deste os verbos estalar, estalicar, estarricar, estricar, etc. Como ese ruidiño pode evocarnos algo agradábel, para o exemplo do pan diriamos: Gústame o pan que trisca.

 

Fronte a esta forma nosa tradicional vai entrando modernamente (en galego, en portugués e en español) o neoloxismo crocante, espallado masivamente por receitas e seccións de cociña nos medios de comunicación: Deixala facer ata que estea crocante/Teñen un sabor moi intenso, son super-crocantes/Fixen unha torta crocante de mazá 

 

Realmente, crocante é unha palabra que procede do francés croc, denominación do dente canino tirada da onomatopeia do ruídiño ao triscar, ao trincar. E de aí o verbo francés croquer ‘trabar, morder’, de onde vén o nome da delicada croqueta que «estala » na boca. Mais tamén podemos ver o adxectivo italianizado (croccante, croccanti)  pois os xeados e doces italianos fixeron daquela cualidade unha imaxe de marca  que proxectan á súa cociña toda. Mesmo preparan polpo croccante ! (e será ben probalo para comparalo co noso á feira )

 

No entanto, gorentemos tamén uns coñecidos versos de Curros onde a fermosa mestura de ritmo, rima e sentimento nos abala e conmove :

 

Da aldea lonxana fumegan as tellas.

detrás dos petoutos vai póndose o sol,

retornan pr‘os eidos coa noite as ovellas

triscando nas beiras o céspede mol.



x