Un paciente sufre un adiamento de 2 semanas nunha proba hospitalaria por escoller o galego

Un paciente sufre un adiamento de 2 semanas nunha proba hospitalaria por escoller o galego

Aconteceu no Hospital Juan Cardona de Ferrol e denúnciao A Mesa, que recibiu a queixa a través da Liña do Galego, e xa puxo os feitos en coñecemento de Sanidade, Sergas, Secretaría Xeral de Política Lingüística e Valedora do Pobo.


A finais de abril un paciente dirixiuse ao Hospital Juan Cardona de Ferrol para someterse a unha proba do TAC. Para realizala, tiña que asinar unha autorización, que estaba redactada en español. O paciente, e en base ao dereito que lle recoñece a lexislación, solicitou que esa autorización estivese en galego. Mais no Hospital dixéronlle que carecían desa documentación en galego, algo que lle confirmou o xefe de Radioloxía do complexo ao tempo que lle indicaba que se non asinaba o documento en castelán non podería facer a resonancia.  

Esta persoa afirmou que era a segunda vez que lle acontecía iso no hospital (a anterior denuncia é do 29 decembro do 2015) co conseguinte retraso na proba e na recuperación. Negouse a asinar o documento en español e presentou unha reclamación no hospital, denunciando que lle negaban unha proba radiolóxica, pola que levaba agardando oito meses. Ao cabo dunha hora chamárono para comunicarlle que en breve o volverían citar. “O paciente non aceptou renunciar aos seus dereitos lingüísticos e tivo que agardar dúas semanas máis para que lla realizasen”.

Este é o relato que fai A Mesa pola Normalización Lingüística do que aconteceu, e que coñece a través dunha queixa presentada na Liña do Galego. Para a Mesa, estamos perante un “caso grave”, “un inadmisíbel intento de coaccionar os cidadáns e cidadás para que non poidan exercer os seus dereitos lingüísticos legalmente recoñecidos, xogando cun tema tan sensíbel e fundamental como a saúde das persoas”.

A organización lembra que o artigo 3 da Lei de normalización lingüística, estipula que “os poderes públicos de Galiza adoptarán medidas oportunas para que ninguén sexa discriminado por razóns de lingua”.  Por esta razón A Mesa puxo o caso en coñecemento do conselleiro de Sanidade, do xerente do Sergas e máis da Secretaría Xeral de Política Lingüística, sen obter polo momento resposta ningunha, e tamén o trasladou á valedora do Pobo. 



x