COMO DICILO? (I)

Saudando (Boas?)

Saudando (Boas?)

Abrimos esta fin de semana unha nova xanela no Sermos, un convite a falarmos ben a nosa lingua. Da man de Henrique Harguindey saberemos como dicilo. Eis a seguir a primeira entrega da serie.


Son moi variadas as formas de saúdo nas distintas culturas. E as fórmulas utilizadas nas diversas linguas. A maiores, moitas veces diferentes grupos (sociais, relixiosos, de idade, etc) teñen os sus propios saúdos. E mesmo hai saúdos persoais que por veces chegan a espallarse e asentarse.

Pódese facer preceder o que é propiamente o saúdo por unha interxección  que expresa sorpresa (agradábel) e alegría como Ola!, do que existen numerosísimas variantes (dende o portugués Olá! e o español ¡Hola! ao angloamericano Hello! e o alemán Hallo! ou o hawaiano Aloha!). Tamén aparece moitas veces Ai! /Ei!/ Oi!, con variantes como o  Hi! británico, o Hai! finés, o Hau! sioux, o Hei! noruegués ou o Oi! frisón.

O normal é que o saúdo exprese bo desexo cara á persoa ou persoas que atopamos despois dunha ausencia: desexámoslle un bo momento (Bo día!) ou boa saúde (Saudiña!) -de aí procede o verbo saudar- ou expresamos a nosa ledicia por volvela ver (Alégrome de volver vela!) ou interesámonos  por como se atopa (Como lle vai?).

Desexamos un bo momento (Bo día!) ou boa saúde (Saudiña!) -de aí procede o verbo saudar-

En español actual existe unha forma apocopada (é dicir na que se omite a parte final) de ¡Buenos días! / ¡ ¡Buenas tardes! / ¡Buenas noches!  Trátase de ¡Buenas! para saudar en calquera momento do día. Realmente debería ser Buenos! (de ¡Buenos días! ) se se utiliza pola mañá, reservando Buenas!  para as tardes e noites, mais a comodidade rexíu sobre da lóxica. 

Esta solución resulta inédita para outras linguas que teñen as mesmas fórmulas de saúdo: ninguén di nese caso en inglés, francés, alemán ou portugués : Good! Bon! Buona!/Buon! ou Boa!/Bom! Igual de sorprendente lle soa a un falante tradicional de galego sentir alguén saudar dicindo Boas!

Á beira das fórmulas de saúdo tradicionais existen tamén outras –para saúdo ou despedida-  máis grupais nas que non imos entrar. Lembraremos só algunhas bastante utilizadas entre nós nos últimos tempos: unhas de bos desexos xerais (Saudiña e que cante o merlo! / Unha aperta de buxo!), outras de sintonía política (Saúdos socialistas/ comunistas, Saúde e República!) ou outras de vencello galeguista como o  pondalián Boandanza e saúde, raza (ou Terra, ou xente) de Breogán!

E ao celebrarmos este ano o centenario das Irmandades da Fala non deixaremos  nós de lles desexar  a lectoras e lectores:

Saúde e Terra!



x