COMO DICILO?

Tanto/igual

Tanto/igual
Tan bo é o caldo coma as castañas [Foto: Wikipedia]
Tan bo é o caldo coma as castañas [Foto: Wikipedia]  

Para sinalarmos a equivalencia de dúas accións, dúas cousas ou dúas persoas, empregamos en galego frases construídas co verbo ser/ dar, ter e os dous termos comparativos tanto/tan…como, coma… igual/coma…que…

 

É igual que llo digas que non

Dá igual que veñan ás nove coma ás dez

Tanto me ten fritido como guisado

Tanto ten que queiras que non

 

Estas construcións aparecen moito en frases feitas e refráns nosos :

 

Tanto ten Xan coma seu irmán

Tanto dá touciño como soá

Tan bo é o caldo coma as castañas

Tan bo é o demo como a súa nai

 

A máis tradicional e abondosa é a construción co verbo ter: tanto ten.

 

Tamén aparece outra construción, hoxe en día menos frecuente na fala, na que o verbo dar aparece en forma reflexiva, darse:

 

Tanto se me dá que veña coma que non

 

Velaí unha fermosa cantiga que a emprega:

 

A lúa vai encuberta,

a min pouco se me dá,

que a lúa que a min me aluma

dentro do meu peito está

 

Unha expresiva frase popular retrata a igual inutilidade de dúas accións :

 

É igual que fales con ela como coa vaca marela

 

Claro que, por aquilo do equilibrio de xéneros, poderiamos dicir estoutra, inventada para a ocasión :

 

É igual que fales con el como cun boi de papel

 

E, como remate, dúas frases que caracterizan a persoas equivalentes no seu comportamento :

 

Se un mata, o outro esfola

 

E estoutra, da beiramar e á que non lle vexo doada explicación :

 

Tal para cal, maragota e media

 



x