PALABRAS CON MEMORIA

Toda a xente tenta levar a auga para o seu prado

Toda a xente tenta levar a auga para o seu prado
Foto: Campo Galego
Foto: Campo Galego  

Acaneirar.- Facer regos nos prados para facilitar o regadío por todo o prado. Cómpre facelos cunha sacha e dereitiños.
Lugar de escoita.- Canices- Piñor- Cea
Fonte.- Antonio Moure Narón.

Arroxo.- (Ademais de significados xa rexistrados) Fervenza que baixa dos prados ao romper a canle principal. Verbo: Arroxar.
Lugar de escoita.- O Courel.
Fonte.- Dun vocabulario courelao.

Branza.- Ourela, beira dos pozos ou presas que se fan nos prados para gardar a auga e regar. Exemplo: "Sentei para descansar na branza do pozo que hai no prado do souto"
Lugar de escoita.- Son – Navia de Suarna.
Fonte.-Raquel de Son/Endl Navia de Suarna.

Chavasqueiro.- Prado ruín e pequeno.
Lugar de escoita.- Prebello, concello de Navia de Suarna, bisbarra dos Ancares.
Fonte.- Balonga Prebello.

Desourelar.- Empezar a gadañar a herba dun prado polas beiras ou ourelas para despois poder facelo á feito.
Lugar de escoita.- Parroquia de Son (Navia de Suarna).
Fonte.- Raquel/Endl Navia de Suarna.

Pación.- (Ademais de significados xa rexistrados) É como queda un prado logo de lle segar a herba.
Lugar de escoita.- Lugo.
Fonte.- María Celina Cruz Rodríguez.

Padrón.- (Ademais de significados xa rexistrados) Canle secundaria que desvía a auga cara a un prado.
Lugar de escoita.- Cernadela (Mondariz).
Fonte.- Sé Anxo Rosales González.
 

Palabras con Memoria é unha sección que coordena a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Todo o material podes consultalo aquí.

Se queres achegar algunha palabra que non apareza nos dicionarios, dirixe as túas propostas ao correo palabra.con.memoria@aelg.org (indicando a palabra, a súa acepción e o lugar en que foi recollida) ou cobre este formulario.