PALABRAS CON MEMORIA

Con traballo polo medio, non hai lugar para o tedio

Con traballo polo medio, non hai lugar para o tedio

alcarraballeiro/a.- Dise da persoa que ten que levar sempre alguén consigo para facer algún labor ou ir a algún sitio.

Lugar de escoita.- Castrelo (Forcarei).

Fonte.- Manuel Cabada Castro.

cirno.- (Ademais de significados xa rexistrados) Moi traballador.

Lugar de escoita.- Concellos de Cee e Zas.

Fonte.- Concepción Blanco Blanco.

furelos.- (Ademais de significados xa rexistrados) Tipo de calzado que se usa para o traballo, de feitura similar a un zapatón, pero de material non impermeábel (como unha lona marrón).

Exemplo: Tes os furelos desatados, aínda has caer!

Lugar de escoita.- Santiago de Compostela.

Fonte.- Ana Rial.

murear.- Traballar, facer algo.

Exemplo: “Este rapaz non murea nada”.

Lugar de escoita.- Bergantiños.

Fonte.- Alberte Suras.

présimo.- Bulebule, fervellasverzas, fedello.

Lugar de escoita.- A Fonsagrada.

Fonte.- Jesús López Domínguez.

traballar ao medio.- Dise do reparto dos beneficios que se fai en algúns labores do campo, no que unha parte pon o capital e a outra o traballo.

Exemplo anuncio: “Dáse herba ao medio”.

Lugar de escoita.- Paradela (Lugo).

Fonte.- Andrés Lombardía Crespo.

quiñón (non che quero).- Expresión exclamativa usada para manifestar o que a usa que non lle gustaría estar no sitio doutra persoa. Exemplo: “Traballas con ese túzaro? Non che quero quiñón!”

Lugar de escoita.- Burela.

Fonte.- Mario Ferreira López.

Outros apuntamentos.- A fonte aclara que o quiñón é a parte que recibe o mariñeiro da pesca ou o salario correspondente.



x