PALABRAS CON MEMORIA

Útiles sen moito prestixio

Útiles sen moito prestixio
Un aldau
Un aldau  

Achifánfano.- Variante de chintófano, trebello ou artefacto descoñecido para quen o nomea.

 

Lugar de escoita.- Gondaísque (Terra Cha)

Fonte.- Antonio Eimil.

 

 

Alaxada.-Estaribel, estalaxada; enxeño caseiro cun fin práctico.

Lugar de escoita.- A zona de Xanceda e Boimorto.

Fonte.- Baldomero Iglesias Dobarrio.

 

 

Aldau.- Trapo ou pano de cociña. 

Exemplo: “Dáme de aí ese aldau”.

Lugar de escoita.- San Xulián (Marín).

Fonte.- Sé Anxo Rosales González.

 

 

Barbana.- Pedazo de tea vella que se aproveita para envolver ou limpar. Xeralmente restos de sabas retiradas do uso.

Lugar de escoita.- Navia de Suarna.

Fonte.- Toño Núñez.

 

 

Enguerella.- Apeiro de labranza para sacar o esterco.

Lugar de escoita.- Muxía.

Fonte.- Proxecto Buserana de Muxía.

 

 

Estrepia.- (Ademais doutros significados). Táboa para amparar a carga en carros.

Lugar de escoita.- Barcala, A Baña.

Fonte.- Celestino Golán.

 

 

Garigolo.- Bochinche, cuarto pequeno.

Lugar de escoita.- Unha ampla zona de Galiza.

Fonte.- Colexio de Navia de Suarna/Endl Navia de Suarna. 

 

 

Palabras con Memoria é unha sección que coordena a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Todo o material podes consultalo aquí.

Se queres achegar algunha palabra que non apareza nos dicionarios, dirixe as túas propostas ao correo palabra.con.memoria@aelg.org (indicando a palabra, a súa acepción e o lugar en que foi recollida) ou cobre este formulario.



x