A Valedora do Pobo avala a actuación do centro que penalizou unha alumna por empregar Galiza

A Valedora do Pobo avala a actuación do centro que penalizou unha alumna por empregar Galiza
A Valedora do Pobo, co presidente do Parlamento
A Valedora do Pobo, co presidente do Parlamento  

A Valedora do Pobo dá por concluída a investigación aberta após un expediente de queixa posto en marcha a instancias da Mesa pola Normalización Lingüística. A alumna penalizada por escreber Galiza nos exames cursa 4 de primaria no CEIP Santa Irene (Porto do Son). O presidente da MNL pergúntase se pode continuar no cargo un minuto máis quen "desde os prexuízos ideolóxicos inutiliza continuamente unha institución feita para defender a cidadanía". 


No escrito de resposta da Valedora do Pobo á MNL, ao que tivo acceso Sermos Galiza, o argumento básico esgrimido para dar por concluída a pesquisa, co aval á actuación da dirección do CEIP Santa Irene, é que a alumna utilizou o termo Galiza para se referir á denominación oficial do país.

 

Portanto, a xuízo da Valedora é correcto tirar pontos na avaliación de exames a quen tería supostamente cometido unha falta de ortografía.

 

Na pesquisa, a institución encarregada da defensa dos dereitos do pobo galego dirixiuse á Secretaría Xeral de Política Lingüística para pedir o seu parecer a este respeito. A Secretaría o que veu dicer é que, segundo as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (2003) da Real Academia Galega, as formas Galicia e Galiza son lexitimamente galegas, mais só a primeira sería válida para se referir á denominación oficial do país.

 

Segundo a información fornecida polo centro educativo á Valedoría do Pobo, "en ningún momento se lle corrixiu o emprego do termo Galiza en calquera outro uso do mesmo que non fose o referido para nomear a comunidade autónoma".

 

A información da que dispón a Mesa pola Normalización Lingüística desminte os dados achegados polo centro educativo. A rapaza escrebe Galiza en distintos contextos e non só nos referidos á denominación oficial. "Mesmo iso é discutíbel. Se en Castela lle perguntas a un alumno como se chama o seu país escreberá sen dúbida que España e non a súa denominación oficial, Reino de España, e non por iso se verá penalizado nas súas cualificacións académicas. Por tanto, é lexítimo que no noso país se utilice o termo Galiza tamén para denominar o nome do país en contextos máis ou menos formais", declara a Sermos Galiza o presidente da Mesa, Marcos Maceira.

 

A Mesa reaxiu con dureza ao ditame da Valedora. Que dea por bon exixir o cumprimento de dubidosos formalismos legais a unha alumna de 9 anos é mostra da falta de respecto pola institución que representa”, afirma en nota de imprensa. E Maceira pergúntase se “quen desde os prexuízos ideolóxicos inutiliza continuamente unha institución feita para defender á cidadanía pode continuar no cargo un minuto máis”.

 

Para a MNL, o pior deste episodio é que revelaría a desprotección na que fica unha menor só "por utilizar en redaccións e probas escritas unha denominación do país plenamente lexítima e de uso normal por institucións, organizacións sociais, políticas, sindicais e por miles de cidadáns e cidadás galegas".

 



x