A MESA ESIXE A SÚA DIMISIÓN INMEDIATA

A Valedora do Pobo avala o incumprimento da Lei de Normalización Lingüística

A Valedora do Pobo avala o incumprimento da Lei de Normalización Lingüística
A Valedora do Pobo, Milagros Otero, na súa toma de posesión. Foto: Parlamento
A Valedora do Pobo, Milagros Otero, na súa toma de posesión. Foto: Parlamento  

A Valedora do Pobo vén de contradicir a Lei de Normalización Lingüistica nun escrito dirixido á Mesa. Nel apóiase na lexislación estatal para avalar que "os núcleos de poboación e demais topónimos serán designados na dúa denominación oficial e, cando fose necesario a efectos de identificación, en castelán". A Lei de Normalización, aprobada por unanimidade no Parlamento galego en 1983, especifica que "os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega".
 


A maiores, o decreto 219/1998 da Xunta fai constar "as formas toponímicas xenuínas e oficiais correspondentes ás entidades de poboación da provincia de Pontevedra", engaden desde a Mesa pola Normalización. "Esta é unha nova mostra de desprezo e racismo lingüistico da responsábel da insitutición, Milagros Otero", afirman, e lembran outros casos de vulneración de dereitos lingüísticos que contaron co "amparo" de Otero.

 

Desta volta, a Valedora do Pobo xustificou as denuncias da Garda Civil contra o Concello de Gondomar referidas a dous sinais de tráfico cuxo texto estaba, conforme á lei, en galego. Antes, fixera o propio co abuso de poder exercido sobre unha nena de 9 anos á que lle restaron puntos nunha redacción por empregar Galiza. Ou coa retirada dun cartaz dunha campaña pola normalización do galego nun centro público. Tamén refrendou a reducción de horas lectivas en galego que leva canda si a LOMCE.

 

"A Valedora do Pobo actúa nas cuestións relacionadas coa lingua galega cunha visión ideolóxica e sectaria", declara o presidente da Mesa Marcos Maceiras, "e non pode continuar no seu cargo nin un minuto máis".



x