COMO DICILO?

Voces e noces

Voces e noces
As noces, menos que as voces
As noces, menos que as voces  

Son máis as voces que as noces dicimos en galego e en portugués. Explica moi ben a locución António Nogueira Santos: "Diz-se quando a fama excede a realidade, quando as pretensões vão muito além das possibilidades", e dá como equivalente ser mais a fama que o proveito. A expresión vén indicando o mesmo que o español mucho ruído y pocas nueces.

 

E pois que estamos a falar de dar voces podemos falar do ruído mediático xerado en español a conto da recentemente aparecida portavoza que non imos tratar aquí. E non o trataremos, entre outros motivos, porque en galego temos xa un substantivo noso que podemos poñer no xénero que queiramos sen problema ningún. Falamos, así, dunha voceira ou dun voceiro. O realmente triste é que se caia –unha vez máis- en falar dos temas pola única razón de que o marcan dende Madrid, debatendo o que nos ditan e adoptando as actitudes e ritmos que nos pautan: o que "toca". En vez de pensarmos libremente e totalmente en por nós.

 

Utilizar voceiro /voceira non desbota o emprego de porta-voz, termo tamén correcto, mais voceiro/voceira foi xerado dende o propio galego, xa de antigo, fronte a unha construción moderna e importada, porta-voz, que foi pasando do francés a outras linguas no século XVIII. Paradoxalmente, o que está a acontecer agora é que organizacións e medios de comunicación galegos están desbotando o emprego de voceiro/voceira.

 

Utilizar voceiro /voceira non desbota o emprego de porta-voz, termo tamén correcto, mais voceiro/voceira foi xerado dende o propio galego

 

O proceso de aparición e desaparición, de substitución de palabras, non é raro senón habitual como mecanismo de renovación en todas as linguas. Mais esa renovación debe facerse baixo dirección filolóxica competente e tendo sempre como norte a conservación da fasquía da lingua.

 

Na nosa historia lingüística moderna a renovación dende o interior produciuse maiormente no século XX coa emerxencia do "galego culto", elaborado por xeracións ilustradas aínda que non sempre suficientemente coñecedoras do patrimonio popular e vivo do idioma. Nese traballo necesario e urxente producíronse ás veces lóxicos erros lingüísticos, unhas veces por "invencións" incorrectas e outras por saturación de termos : os famosos non embargantes, ren, cicais, encol e outros afondaban un pequeno divorcio entre o galego popular e o culto. Mais cómpre decatarse de que o balance para o idioma foi moi positivo e que as instancias filolóxicas pertinentes foron depurando erros tanto dun segmento como do outro á par de numerosos castelanismos. O que non exclúe nunca totalmente algún erro dentro dese beneficioso labor.

 

O galego presenta con frecuencia pares de palabras sinónimas das que unha procede da evolución da palabra orixinal latina ou dunha creación patrimonial (antiga ou moderna) e a outra dunha transposición culta dende o latín ou da importación doutras linguas. É -como xa dixemos- o caso de voceiro/voceira fronte a porta-voz, ou dos relativamente recentes  persoeiro/persoeira (si, o feminino ten que existir) fronte a personalidade ou personaxe, xurdir fronte a surxir, desenrolo fronte a desenvolvemento ou inmorredoiro, inmorrente fronte a inmortal. Debemos depurar ben o seu emprego seguindo o criterio dos filólogos, mais se é correcta -e chega a ser asimilada pola comunidade como propia- esa palabra ou o seu novo uso non ten por que ser eliminada. O que cómpre é conservar a cohesión da lingua e da comunidade que a fala, o equilibrio da liberdade creativa e a riqueza individual co tesouro colectivo e a súa unidade.

 

E, sobre todo, cómpre termos a cabeciña e a lingüiña ben na Nosa Terra. Sempre en Galiza.

 



x