COMO DICILO?

Votaron

Fileiras para votar o 1-O
Fileiras para votar o 1-O  

Moitos galegos e galegas levaron unha sorpresa ao sentiren o pobo catalán proclamar en voz alta unanimemente a súa vontade de votar.  Non por ignoraren esta vontade –que a maioría coñecía xa perfectamente- senón pola palabra empregada. Habería quen pensase: “E logo: non é “votarem!”. Como é que din “vutarem!”?

 

É que cómpre distinguir entre a grafía (ou escrita) e a prosodia (ou pronuncia): escríbese votarem e pronúnciase vutarem. Trátase dun o denominado en Fonética “o pechado”, próximo ao u. Esta distinción entre vogais abertas e pechadas existe en moitas linguas como o galego e o portugués. Na área das derivadas do latín, o máis xeral é que conten con sete vogais, como o galego ou o italiano (oito o catalán). Por baixo está o español con cinco, e por riba o portugués con 14, e o francés con 16. 

 

Naturalmente, esta constatación lingüística non deixará en moitos casos de interpretarse ideolóxicamente. Haberá quen defenda que a maior riqueza de sons dunha lingua amosa a súa “superioridade”, ao que outros retrucan que a súa simpleza dalle máis “flexibilidade”. Ningunha das dúas afirmacións ten base científica. Como non o ten, logo, que a sinxeleza vocálica do español lle confire unha magnífica claridade comunicativa.

 

No galego actual, fortemente españolizado, a pronuncia diferente entre vogais abertas e pechadas vaise perdendo. O modelo fonético imperante é o invasor, e nin mesmo os diminutos medios de comunicación oral propios (de raquítica presenza no mundo da radio e da televisión) propoñen un modelo baseado na nosa propia lingua. Pola contra, aínda segue a bulir nas cabeciñas de moitos galegos e galegas a rexouba contra lus qui ti hablan cumu lus di laldea. Un dardo lanzado arreo dende a metrópoli para estigma dos propios colonizados que o asumen.

 

Lingua galega que intentan ridiculizar neste anaco dunha ficticia carta dun galego emigrante en Madrid -multiimpresa no século XIX-, un marusiño como lle chamaban á nosa xente:

 

«Querido hermanu Turibiu: Llegué a esta Corte felizmente la víspera de lus Reyes y te voy a contare lo que pasóme. Digérunme que en día tal, todus lus buenus cristianus van a esperar a lus Reyes, y que para verlus megore, había de cargare con una escaleira. Abracéme a la escaleira por ver lus Reyes el primeru, con tantu gozu como si te abrazare a tí. La noche era fría y aindamais caían unos copus de nieve como mi monteira, y toda la noche andubimus de Heroides a Pilatus; mas lléveme u demo si lus Reyes nu estaban más allá de Santiajo».

 

Lembro, sendo un mociño, a primeira vez que fun a Madrid (algo despois que o tal Toribio): "Ah, es gallego, pues no se le nota nada"m dixéronme coma quen fala, compasivo, cun eivadiño.

 

Debemos coidar, orgullosos, a nosa correcta pronuncia galega, e, se é preciso, utilizar ferramentas á nosa disposición como o Dicionario de pronuncia da lingua galega, de Xosé Luís Regueira. Mais, sobre todo, escoitarmos atentamente a fala tradicional (non teñamos medo de utilizar a palabra enxebre). A voz do povo.

 

E saberemos, daquela, proclamar con auténtica pronuncia galega:

 

Claro que votaron



x