PALABRAS CON MEMORIA

Para xente, xentiña e xentalla, elixide a que vos valla

Para xente, xentiña e xentalla, elixide a que vos valla
Xente de todo tipo
Xente de todo tipo  

Cimprón.- (Ademais de significados xa rexistrados) Maleducado, persoa que insulta a xente decontino.

Lugar de escoita.-  Teixeira -O Courel.

Fonte.- Dun vocabulario courelao.

 

Curripia.- Moza presumida e festeira que non perdía unha na redonda. Tamén se di da persoa nerviosa, que non ten acougo, que anda sempre dun lado para outro. 

Lugar de escoita.- Sabucedo (A Estrada), Tomonde e Quireza (Cerdedo) e algúns lugares sen determinar da provincia de Lugo.

Fonte.- Manuel Cabada Castro.

 

Escarboado/a.- Dise da persoa que recibiu varios desenganos na súa vida: Desconfiado, queimado, escarmentado.

Lugar de escoita.- En Francos (Bretoña-Pastoriza) e tamén pola zona de Lalín.

Fonte.- Andrés Lombardía Crespo.

 

Escarnaución.- Dise dunha persoa ou obxecto pouco agraciado.

Lugar de escoita.- Friol (Lugo).

Fonte.- Patricia Penela Devesa.

 

Escascabullado/a.- Persoa louzá, de fina cute.

Lugar de escoita.- O Courel.

Fonte.- Dun vocabulario courelao.

 

Escoufrado/a.- Persoa vella e moi delgada.

Lugar de escoita.- O Courel.

Fonte.- Dun vocabulario courelao.

 

Estoiravergas.- Denominación que se lle dá a unha persoa que ten un carácter vivo e astuto ou que fai trasnadas. 

Exemplo: “Ten un fillo que non para, é un estoiravergas”.

Lugar de escoita.- Escudeiros- Ramirás (Ourense)

Fonte.- Xoán Carlos Domínguez Alberte.

 

Palabras con Memoria é unha sección que coordena a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Todo o material podes consultalo aquí.

 

Se queres achegar algunha palabra que non apareza nos dicionarios, dirixe as túas propostas ao correo palabra.con.memoria@aelg.org (indicando a palabra, a súa acepción e o lugar en que foi recollida) ou cobre este formulario.

 

 



x