16 de xullo: homenaxe nacional en San Simón ás vítimas do franquismo

16 de xullo: homenaxe nacional en San Simón ás vítimas do franquismo
Imaxe: IGM
Imaxe: IGM  

Organizado pola Iniciativa Galega pola Memoria, o acto reivindicará o compromiso público por parte das administracións galegas e estatal. Perto de 400 persoas reservaron praza nos barcos que van até a illa.


San Simón acollerá máis un ano a homenaxe nacional ás vítimas do franquismo. Será este domingo, 16 de xullo, e a organización – Iniciativa Galega pola Memoria- indica que hai case 400 peticións de reserva de prazas nas embarcacións que partirán do porto de San Adrián de Cobres con destino á illa.

 

Este ano o acto centrarase nos campos de concentración que os franquistas construíron ou habilitaron en diferentes partes de Galiza, como o propio San Simón por onde, desde 1936 a 1943, pasaron máis de 6.000 prisioneiros. Lavacolla, Ribadeo, Cedeira, Rianxo, Muros, A Pobra do Caramiñal, Oia, Camposancos, Celanova, Ferrol, Figueirido, Betanzos... son algúns dos enclaves que acolleron ese tipo de campos. A intervención central correrá a cargo de Susana Sánchez Aríns, escritora, autora de ‘Seique’, obra na que a descoberta do propio pasado xoga un papel fulcral.

 

Na homenaxe volverase reivindicar a necesidade de políticas públicas da memoria por parte das administracións, tanto galega como estatal. Tamén que San Simón recupere como denominación oficial Illa da Memoria, que foi cambiada por Illa do pensamento após a chegada de Núñez Feijóo á Xunta. 



x