UN SÉCULO DO ASALTO AO PALACIO DE INVERNO

Actualidade de Outubro

Actualidade de Outubro
O líder bolxevique Vladimir Lenin.
O líder bolxevique Vladimir Lenin.  

1917 acabou por bautizar o século XX. A centuria curta, a época da revolución, o período soviético. O comunismo en acto ou o socialismo realmente existente. A repercusión dos feitos de Outubro é dificilmente mensurábel. A cen anos da entrada dun grupo de militantes bolxeviques no Palacio de Inverno de Petrogrado, historiadores críticos, escritoras compañeiras de viaxe e políticas encadradas no espazo político que abriu a Rusia dos soviets avalían a súa actualidade.


Os icónicos canonazos do Aurora partiron en dous a historia contemporánea. Na mañá do 7 de novembro -o 25 de outubro segundo o calendario xuliano que rexía en Rusia-, indicaron o intre do asalto aos ceos: a residencia dos tsares na beira do río Neva. "A Revolución Bolxevique é o acontecemento máis importante do século XX", non dubida o historiador Justo Beramendi (Madrid, 1941), "abriu un conxunto de procesos que mudaron o escenario xeopolítico".

 

Por vez primeira, un Estado iniciaba a realización práctica do programa máximo do movemento obreiro. "A destrución do capitalismo, unha sociedade colectivizada onde os principais medios de produción non se atopasen en mans privadas", sintetiza Beramendi. Víctor Santidrián, autor de Historia do PCE en Galicia (1920-1968) e editor dos diarios do fillo de Enrique Líster, coincide: "O obxectivo era crear unha sociedade sen clases, eliminar as diferenzas de xénero, dar saída ás reivindicacións nacionais e facer desaparecer o propio Estado".

 

Este impulso abrupto e radical, de apertura dun novo mundo, é o que aínda reclaman para si as herdeiras políticas do 17 en Galiza. Néstor Rego (O Vicedo, 1963), secretario xeral da UPG -organización que se define como "partido comunista patriótico", integrada no BNG-, así o expón: "A Revolución rusa demostrou que era posíbel derrocar o capitalismo e o totalitarismo desde o movemento obreiro. E sería restritivo non lembrar o papel das nacións nos acontecementos". Lenin, recorda, defendeu o dereito de autodeterminación e "chamou o proletariado a apoialo".

 

A UPG fundouse en 1964, produto da colusión teórica de marxismo e anticolonialismo. Até ese intre, as comunistas e os comunistas galegos organizábanse sobre todo no Partido Comunista de España. Eva Solla (Vigo, 1984) dirixe a súa expresión galega, constituída no exilio en 1968. "Para nós, a Revolución de Outubro non só abranxe o seu significado político, que seguimos a manter", di, "senón que é a mostra dun proceso amplo de acumulación de forzas que, cunha violencia mínima, tomou o poder a través de ferramentas democráticas como os soviets". Era o que a escritora Teresa Moure (Monforte de Lemos, 1969) describe, vía correo electrónico, como "tentativa política de fazer real a grande esperança comunista".

 

Moure coordinou o dobre volume Bolxeviques (Xerais/Através), publicado a comezos deste ano e nos que 24 autoras e autores aprofundan nos contidos, aprendizaxes, leccións, perspectivas e conflitos desatados polo Outubro Vermello. "A seguir a revolução", esténdese, "as opiniões podem ser diversas no que diz respeito a se realmente se conseguiu o comunismo ou não". Non obstante, engade, "boa parte dos acontecimentos do século XX podem interpretar-se en relação ao impacto internacional desses ideais revolucionários e á forma como se puseram em prática".  

 

O rastro do 17 na Galiza


As ondas expansivas dos dez días que estarreceron o mundo aínda non remitiron. E malia que á Galiza arribaron pouco a pouco -así o entende Justo Beramendi-, acabaron por determinar, do mesmo xeito que no resto de Occidente e na práctica totalidade do mundo, a historia, a política, mesmo a cultura. "No seu intre, a pegada foi escasa. O movemento obreiro era feble e o PSOE, que se dividiu a raíz da Revolución Soviética, tiña, nos anos dez e vinte, moi poucos efectivos aquí". Na II República, cando a organización do proletariado galego se comezou a desenvolver, o Partido Galeguista tiña máis militantes do que o PSOE ou o incipiente PC.

 

A "lentitude" na conformación das organizacións comunistas, "dos distintos comunismos", é unha característica que tamén sinala Santidrián. Para quen estas resultaron fundamentais no combate contra o franquismo, "na conquista das liberdades" ou no debate sobre a cuestión nacional. "Que, non poucas veces, levou a posicións enfrontadas", puntualiza.

 

Ademais da UPG e o PCG, existen en Galiza outras siglas que se reclaman da tradición comunista. Minoritarias, inclúen ademais a independencia entre os seus obxectivos: a FPG -integrada en Anova-, o Movemento Galego ao Socailismo -pertencente ao Bloque- o PCPG -con orixe nunha esgazadura do PCE e que apoiou o BNG nos últimos comicios-, ou Primeira Linha, xermolo da extinta Nós-UP e hoxe dentro de Agora Galiza. Néstor Rego pon o acento sobre esta dialéctica: "De 1917 aprendemos que a emancipación dos traballadores e a emancipación nacional deben ir unidas".

 

Neste axioma baséase a esquerda nacionalista contemporánea. "Con acertos e con erros, a Unión Soviética non só fixo un recoñecemento teórico da cuestión, senón tamén práctico", afirma Rego. Castelao, "que non era comunista", admitiuno e presentoulle os seus respectos. A propia Eva Solla asegura que "cada país, cada nación, ten que construír o socialismo de acordo coas súas condicións sociais e materiais". "A URSS foi o exemplo en que os camaradas galegos se miraban. Non só os galegos, tamén os españois e os europeos", di.

 

Teresa Moure dedicou a súa novela Ostrácia (2015) á revolucionaria bolxevique Inessa Armand. Detecta a pegada de Outubro en Galiza por toda a parte: "O legado do pensamento marxista-leninista é imenso, para além da súa impronta en episódios concretos da história". "Implicou a adaptação a este contexto dum arsenal de conceitos teóricos de validez internacional", continúa, "contribuiu a fortalecer a ideia de nação, a vincular a atividade política à cultural e aos tempos de lazer, a salientar figuras históricas apagadas da memoria colectiva, a reconsiderar as festas populares ou a valorizar as formas culturais próprias".

 

A grande vaga da revolución obreira conformou o mundo das clases subalternas que se negaban a conformarse coa súa situación.

 

1917 hoxe


O esboroamento do muro de Berlín e, a seguir, do bloque soviético devolveu a iniciativa histórica ao campo conservador. "A perda de dereitos non foi só na URSS, senón en todo Occidente", considera Solla. O capital perdía o contrabalanzo dunha sociedade que, se ben era discutibelmente comunista -e a esquerda discutiuno con dureza ao longo de décadas-, non era capitalista.

 

"Num momento em que o neoliberalismo bate em nós, parece claro que mesmo ideologias nada revoluciónarias", opina Teresa Moure, "consideraram durante este século direitos fundamentais da classe trabalhadora que não teriam nascido se não fosse pela luta operária e pelo desafio da praxe leninista". O debate sobre o legado bolxevique vai moito máis alá da realidade concreta da Unión Soviética e condiciona os movementos de emancipación case ate hoxe, vén afirmar.

 

"O proxecto da URSS fracasou". Os dous historiadores consultados comparten diagnóstico. Justo Beramendi apono ao desaxuste entre as premisas teóricas de Marx -que Beramendi sitúa en que a revolución debía suceder nun país capitalista avanzado- e as condicións materiais de Rusia no tempo de Lenin. "O propio Lenin dicía nas Teses de Abril que non se podía facer unha revolución burguesa sen burgueses. Tampouco unha revolución proletaria sen proletarios". Con todo, un dos grandes achados estratéxicos do primeiro líder da Rusia soviética foi tecer alianzas entre os obreiros e o campesiñado. "O que aconteceu non estaba previsto nos bosquexos teóricos", anota.

 

Para Víctor Santidrián, a derrota do ideal comunista boxevique residiu xustamente en que non se realizou. "Non foi quen de construír unha sociedade libre e sen clases", resume, e apóiase no seu colega catalán Josep Fontana para definir o que se edificou en Rusia: "Un Estado opresor erixido, paradoxalmente, para salvar a revolución".

 

Mais Outubro excede, con moito, o debate historiográfico. Afecta a como as esquerdas políticas e sindicais se opoñen á explotación do ser humano polo ser humano. A como se imaxinan outras realidades. "A idea de que outro mundo é posíbel, unha sociedade sen clases e sen opresión nacional, é o que nos queda da Revolución rusa, e doutras revolucións posteriores como a chinesa ou a cubana. Iso segue a ser un faro", conclúe Néstor Rego. Ningunha das cuestións formuladas polos revolucionarios e revolucionarias da Rusia de 1917 quedou obliterada. "Daí a súa importância histórica num mundo, como o atual, atravessado pelas diferenças de classe, por movimentos emancipatórios diferentes, e por uma aguda perceção da corrupção", afirma Moure.

 

Nota: nunha primeira edición deste artigo non constaba o MGS entre as organizacóns políticas que se reclaman herdeiras da Revolución rusa.



x