FOI A PRIMEIRA MULLER PILOTO DA HISTORIA

Aida de Acosta, o empeño por voar

Aida de Acosta, o empeño por voar

A carreira aerostática tivo en París e no brasileiro Santos-Dumont os seus momentos máis fascinantes. E en Aida de Acosta (1882-1964) o exemplo máis tenaz por conseguir, sendo muller, levantar os pés do chan.


Nos comezos do século XX os ceos de todo o mundo son escenario dunha apurada carreira aerostática. Os Estados Unidos desenvolven o seu globo dirixíbel para usos militares. Inglaterra, Alemaña fan desenvolvementos similares. E mentres, en París, o brasileiro Santos-Dumont é o amo absoluto do ceo. Igual voa arredor da Torre Eiffel como aterra ao lado dun restaurante para xantar partindo tranquilamente despois de acabar.

O seu dirixíbel número 9, provisto dun motor de 3 cabalos para asegurar a propulsión, sulca o ceo seguido por terra por millares de ollos curiosos. Os de Aida de Acosta foron, con certeza, uns deles.

Seguramente contemplarían algo similar ao que nos conta El Correo de Galicia de 26 de xuño de 1903.

Santos-Dumont con Aida de Acosta.Ese día, co tempo en calma, Santos-Dumont, sacou o globo do galpón situado perto do bosque de Boulogne, elevouse a uns trinta metros, mantivo a altura constante, fixo algunha manobra e dirixiuse cara a París seguido de numeroso público e ciclistas. Cando chegou á Praza da Estrela deu unha volta arredor do Arco de Triunfo e baixou polos Campos Elíseos até chegar á casa 114 onde moraba. Desceu entre as filas de árbores e a beirarrúa e baixou do cesto. Entrou na casa. Xantou tranquilamente. Cando baixou levou o globo até o centro da avenida e volveu a se elevar 30 metros para regresar ao punto de partida.

En Vigo

Despois desa demostración que a todos marabillou, Santos-Dumont viaxou a Brasil. O 23 de agosto de 1903 estivo en Vigo. Aquel día vestía traxe claro e sombreiro panamá, con gasa, e portaba bastón. Levaba bigote. A prensa di que falaba portugués ou francés. Indistintamente. Ou sucesivamente. Comprou tarxetas postais que enviou para a Franza.

Seica baixou acompañado dunha moza e dunha muller de máis idade.

Ricardo de Acosta, cubano de orixe asturiana nacido en 1837 en Matanzas e morto en 1907 en Nova York, era oficial da New York & Cuba Mail Steamship Company, a empresa de vapores que desde 1841 a 1954 unía Nova York con La Habana e os portos do golfo de México. O New York Times, en necrolóxica de 26 de agosto de 1907, cualifícao de “distinguido patriota cubano” que se instalou en EEUU sendo novo mais regresou a Cuba despois da guerra americano-española.

Micaela Hernández de Alba y Alba, nacida en 1853, pertencía á familia da Casa de Alba. Faleceu en 1921. Ricardo e Micaela tiveron 2 fillos e 5 fillas, todos nacidos nos Estados Unidos, todos cubano-americanos

Escritoras

Dúas das irmás de Aida foron escritoras coñecidas.

mercedes de acostaMercedes de Acosta foi poeta, autora de teatro e deseñadora de moda. Mais foron as súas relacións amorosas as que a fixeron máis coñecida: Greta Garbo, Tamara Karsavina, Tallulah Bankhead, Marlene Dietrich, Alla Nazimova, Eva Le Gallienne, Isadora Duncan, Katharine Cornell, Maude Adams, Ona Munson ou Adele Astaire. Foi das poucas persoas que na altura non intentou ocultar a súa sexualidade a pesar de, para gardar as aparencias, casar co pintor, tamén homosexual, Abram Poole.

 

rita de acostaRita de Acosta foi definida como a muller máis extravagante de América. Escritora e modelo foi retratada polos máis importantes fotógrafos do momento e o seu gardarroupa serviu de base para a creación do Costume Institute at the Metropolitan Museum of Art. Foi amiga de Edgar Degas, Leon Tolstoy, Sarah Bernhardt, Ethel Barrymore e Claude Debussy e apoiou o movemento sufraxista.

Por céus nunca dantes navegados

Mais foi Aida de Acosta, se parafrasearmos o verso de Camões, quen viaxou por ceus nunca dantes navegados por mulleres. A casualidade, a persistencia, a convicción, por separado ou en conxunto fixeron que unha moza de 19 anos que estaba de ferias en París convencese Santos-Dumont para que a deixase pilotar o dirixíbel. Primeiro presentándose todos os días a primeira hora no hangar en que Santos-Dumont traballaba. Até que o convenceu de que a deixase voar. Soa.

Foi no verán de 1903. En xuño segundo uns. En xullo segundo outros. Aida levantou o dirixíbel número 9 sobre París. Voaba a 25 kms/hora. Dumont seguíaa en bicicleta, dándolle instrucións. Aida voou soa durante un quilómetro. Logo aterrou nun campo de polo en que Estados Unidos e a Grande Bretaña disputaban o partido. Viu un pouco o partido, montou de novo e regresou a París. En total, ida e volta, hora e media de voo.

Aida sobrevoando ParísAo aterrar, disque Santos-Dumont lle dixo: Señorita, é vostede a primeira muller piloto do mundo.

Mais tal título pouca graza produciu na familia de Aida. Ao contrario. O pai, ao se enteirar da noticia do voo, fixo prometer a Santos que nunca revelaría o nome da muller piloto. A razón: a crenza de que ningún home casaría cunha muller que facía tal tolería. Segundo o pai de Aida, e non era o único a pensar así, só existen dúas razóns para que unha muller honrada apareza nas páxinas dos xornais; ou para anuncio do seu casamento ou para o seu obituario.

Santos mantivo a promesa e a noticia de aquel voo só se coñeceu na década de 1930. Foi ela mesma que, xa casada por segunda vez, o anunciou nunha cea en Nova York, perante un marido que non acreditaba e un tenente da Mariña de Guerra norteamericana que suspiraba por voar en dirixíbel.

Foto e flores

Aida, de familia rica e honorábel, dedicou toda a vida a causas sociais e humanitarias, especialmente as relacionadas con problemas visuais. Morreu en 1962.

Despois do voo Aida de Acosta nunca máis volveu ver Santos-Dumont, que morreu en 1932.

Aida de AcostaCando lle anunciaron que morrera ela simplemente dixo que apenas o coñecía.

El seica sempre tivo unha fotografía dela sobre o escritorio.

E un ramo de flores secas.

Imaxes: www.thecubanhistory.com

Imaxes interiores, de arriba para abaixo: Santos-Dumont con Aida de Acosta. Mercedes de Acosta. Rita de Acosta. Aida de Acosta voando. Aida de Acosta. A foto da capa é unha montaxe na que aparece Santos-Dumont voando no dirixíbel nº 9



x