Pontón subliña que a Fundación Franco é “fascista” e que o BNG pedirá a súa ilegalización á ONU

Pontón subliña que a Fundación Franco é “fascista” e que o BNG pedirá a súa ilegalización á ONU
Ponton na Sexta o sábado 16 de setembro de 2017. Pazo de Meirás
Ponton na Sexta o sábado 16 de setembro de 2017. Pazo de Meirás  

Nun debate a dúas bandas no programa La Sexta Noche, Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, avanzou este sábado que o Bloque elevará a reclamación de ilegalización da Fundación Nacional Francisco Franco á ONU nos próximos días. Pontón subliñou o carácter “fascista” desta fundación e lembrou que está a utilizar o Pazo de Meirás para facer apoloxía “macabra” do ditador.


“O único asalto que houbo en Meirás foi o da familia Franco hai oitenta anos”, respondeu Ana Pontón diante das acusacións do representante da Fundación Franco respecto a danos no edificio e ameazas ao persoal do Pazo, afirmacións que non demostrou, durante a toma simbólica do espazo a finais de agosto. “Os Franco conseguiron unha propiedade que non lles pertence con intimidación, con recadacións obrigatorias e con fondos públicos que foron desviados irregularmente”, insistiu Pontón.

 

A líder nacionalista subliñou que os Franco “non pagaron nin un só euro por Meirás nin por todas as reformas posteriores no Pazo” e advertiu que “Meirás é apenas a punta dun iceberg de todo o diñeiro que roubou Franco durante a guerra e a ditadura e dun réxime corrupto”. E sinalou ao Pazo de Meirás como exemplo “dunha transición errada e dos pozos negros que ten esta democracia”.

 

Diante da afirmación de Ana Pontón de que a Fundación Franco e o seu labor son unha anomalía en Europa, o representante desta entidade, Gonzalo Fernández, mentiu cando afirmou que a apoloxía de ditadores é legal en países como Italia cando a pasada semana o Parlamento italiano sacou adiante unha lei que amplía a novos supostos (entre eles, o saúdo romano) o castigo da apoloxía do fascismo. Tamén se atreveu a pedir a ilegalización do BNG pola acción en Meirás, acción que Pontón defendeu como “un acto de dignidade para reclamar a devolución do Pazo ao pobo galego”.

 

Pontón indicou algúns dos argumentos legais que sosteñen a petición que o BNG elevará diante das Nacións Unidas ante a permisividade da Xustiza española e preguntouse se alguén ve “de interese xeral para o Estado español que se difunda a figura de Franco?”, sendo que ese é o obxecto da Fundación Franco e que incumpre a lei de fundacións.

 



x