Antonio Pedrosa Latas, o fascista que dá nome a un colexio en Viveiro

Antonio Pedrosa Latas, o fascista que dá nome a un colexio en Viveiro
Pedrosa Latas
Pedrosa Latas  

O pleno da corporación de Viveiro terá que decidir en breve se muda o nome do colexio de educación primaria de Celeiro, dando cumprimento á solicitude da comunidade educativa, ou se pola contra mantén a denominación actual, en homenaxe ao dirixente fascista Antonio Pedrosa Latas.


O pasado 10 de xullo, Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, instaba o goberno da localidade e os responsábeis do CEIP de Celeiro a daren os pasos para cambiar o nome do centro educativo, proposta que non foi respondida polo executivo local, mais que mereceu o apoio do claustro e do consello escolar do colexio, coa única excepción do representante do goberno municipal, o concelleiro socialista Xesús Cal. Até agora só confirmaron o apoio á iniciativa os 3 representantes do grupo dos non adscritos, actualmente integrados na Marea, e o portavoz de Son Viveiro, descoñecéndose a posición definitiva do PP e do PSOE. Aínda así, os populares, por boca do seu portavoz Antonio Bouza, sinalaron que “respectan” a posición do centro entendendo que “este señor pertencía a un réxime, pero creo que fixo cousas boas por Celeiro”, sinalando os socialistas, en palabras da alcaldesa María Loureiro que “prefiren non entrar en polémicas”, anunciando ao tempo “imos mirar profundamente a biografía e sopesar tamén a valoración do pobo”.

 

A biografía de Antonio Pedrosa Latas é dabondo coñecida. Sendo moi novo, estamos en 1931, fixo parte do grupo impulsor das mocidades da Unión Regional de Derechas en Lugo, participando en accións violentas contra as organizacións de esquerda, chegando a destacarse en 1932 como unha das persoas que ocupou o Concello de Lugo en oposición á lexislación relixiosa da II República. Fundador, canda outros mozos procedentes de Acción Católica, da Falange luguesa á volta de 1934, sinalouse na trama civil do golpe de estado de 1936, ocupando nese momento a xefatura local e comarcal da organización nas cidades das murallas e tomando parte na ocupación de diversas vilas da provincia. Voluntario nas columnas fascistas, foi o máximo responsábel da Bandera de Falange de Lugo, animador de actos de propaganda nos anos da guerra, significou a súa presenza en diversos actos en Lugo en homenaxe a Italia fascista e a Alemaña nazi, xefe provincial da Falanxe de Ourense en 1940, director xeral do Instituto Social de la Marina, presidente do sindicato da pesca, procurador nas cortes franquistas, agás nunha lexislatura, sinalándose na transición como un destacado membro do búnquer.

 

A súa participación na represión foi apuntada por diversas fontes. Así, Antón Patiño Regueira, no seu marabilloso libro Memoria de ferro, traballo pioneiro para o estudo dos vitimarios en Galiza, sinala a implicación de Antonio Pedrosa Latas no asasinato do alcalde republicano de Monforte de Lemos Ambrosio Vila. O libreiro vigués, vinculado familiarmente a cidade do Cabe, responsabiliza do crime a “falanxistas desprazados da súa toba para dar caza nocturna e que feito o traballo patriótico marcharon coller o seu tren de madrugada. Retornaban a Lugo cunha fazaña sanguenta máis. Entre eles había homes ruíns. Antonio Pedrosa Latas e Florencio Borrego. Mala xente”. Se isto non abonda, reparemos na presenza de Antonio Pedrosa Latas á fronte da Falanxe luguesa nalgúns dos meses máis duros da represión paralegal, executada nesta zona, na súa práctica totalidade, por membros da organización. O seu mandato coincidirá coa posta en marcha e entrada en funcionamento das tristemente célebres Patrulla de Servicios Especiales e Milicias de Falange, operativos paramilitares que se significaron no terror e o crime na cidade das murallas.

 

A traxectoria política de Antonio Pedrosa Latas non deixa lugar a dúbidas. Foi un inimigo da democracia ao longo de toda a súa vida. Primeiro batallou contra a experiencia republicana, participando na preparación do alzamento de 1936, afirmando xa entrados os anos 70, que “chegou necesariamente porque buscabamos, a paz, a orde e a xustiza ante os abusos dun goberno desmandado”. Despois, desde os seus cargos gobernativos na administración franquista, sempre nas filas do sector azul e a carón de Girón de Velasco, utilizándoos para perpetuar a súa posición de poder e favorecer a súa clientela política, como aconteceu coa promoción das vivendas sociais para mariñeiros na costa de Lugo. E xa por último combatendo desde as cortes a reforma democrática e apostando pola opción ultra, denunciando en febreiro de 1976, o mesmo día en que o seu fillo Jacobo participaba nunha agresión fascista na universidade madrileña, que esta se tiña convertido nun búnqer marxista. Nunca deixou de ser un fascista, nin expresou remorsos da súa actuación. Tampouco pediu perdón. Aquí unha biografía.



x