Atila en Ordes. Listaxe de vitimarios

Atila en Ordes. Listaxe de vitimarios
 Manuel del Rio Mandayo,veciño de Ordes paseado
Manuel del Rio Mandayo,veciño de Ordes paseado  

 A brutal represión que imperou nos días posteriores ao 25 de xullo en Ordes (unha vez tomada a vila polos militares e cando comezaron a ondear as insignias da Falanxe) está relacionada cos precedentes políticos que se deron no concello durante a Segunda República, nomeadamente, durante o goberno municipal da Fronte Popular entre abril e xullo de 1936 e pola resistencia que se organizou contra a sublevación militar.

 

Un cohesionado grupo civil do republicanismo de esquerdas que militaba activamente en partidos políticos, sociedades agrarias e sindicatos vixiou estreitamente o goberno local entre os anos 1931 e 1936 no tránsito do modelo monárquico ao republicano. Coa constitución do concello da Fronte Popular o 7 de marzo de 1936 formado por membros de Izquierda Republicana, Socialistas e Partido Galeguista, a política municipal cobra unha forza republicana e anticaciquil nunca antes vista na contorna.

Testemuñas dan conta dun matón que asasinou e cortou os peitos dunha muller

Este frenesí republicano rematou bruscamente o día que chegaron as novas da sublevación militar. Como resposta, o 19 de xullo fórmase o Comité da Fronte Popular de Ordes que defende con escopetas e trincheiras a vila até o 24 de xullo, día no que entra triunfante o exército sublevado procedente da Coruña. Por estes feitos, uns vinte republicanos son detidos, once deles condenados a morte e fusilados en Boisaca despois dunha farsa de xuízo militar. 

 

Neste 80 aniversario da barbarie é preciso realizar un acto de xustiza e citar as persoas que en maior ou menor medida estiveron involucradas na represión. Clarificar que os feitos e as culpas non se herdan, polo que ningún descendente debe sentirse aludido. De igual xeito apelamos á presunción de inocencia, dado que o noso traballo como investigadores limítase, neste caso, a transcribir as fontes orais debidamente contrastadas en ausencia de fontes escritas primarias.

 

No seguinte listado de vitimarios estabelecemos unha simple clasificación segundo a índole profesional ou grupo ideolóxico (militares, clero, falanxistas, políticos e matóns). A última denominación correspóndese cun fato de persoas violentas (fascistas de ocasión) que aproveitaron a impunidade para cometer as atrocidades que censuraban os veciños, incluídos os sectores máis conservadores da sociedade ordense.

 

Do aparello militar salientamos a Arturo Pérez Loureiro, tenente coronel retirado, delegado civil e primeiro alcalde franquista de Ordes e a José Pérez Pérez, garda que redactou o informe sobre a resistencia na vila, recollido no xuízo aos de Ordes (Causa núm. 230/36).

 

O párroco Ramón Mosteiro Ferro (alias O Cocho Cebado) ademais de ser un fiel aliado dos represores, chegou a dicir no púlpito que “a los retoños hijos de rojos menores de dos años había que exterminarlos”. O que fora xuíz municipal e concelleiro ultradereitista, o avogado Domingo Antonio Moar Veiras, denunciou medio cento de persoas leais á República a través de varios escritos dirixidos á Garda Civil. Dos falanxistas, os máis destacados, José Liñares (alias O 48, porque presumía de ter matado ese número de persoas, xefe da Falanxe), Javier Verea (alias O Carceleiro e Jefe Local del Movimiento), Pedro Castro e Francisco Mariño.

 

Clasificados como matóns, citamos a Antonio Martínez (alias Martís), Manuel Caramelo (alias Venturilla), Enrique Castro (alias Pachiro), Rogelio Prado (alias O Carreteiro) e Domingo Vieites.

 

Falanxistas e matóns nomeados anteriormente, uns como autores e outros como colaboradores, son de sobra coñecidos na vila por realizar paseos, cortarlle o pelo ao cero a varias persoas e obrigalas a desfilar pola Alameda de Ordes ao berro de “Viva Franco!”, “Arriba España!”; e aínda máis, sobre un matón as testemuñas coinciden: ademais de vestir as prendas das súas vítimas, violou, asasinou e cortoulle os peitos a unha represaliada para entregarllos ensanguentados á súa muller e espetarlle “estes si que son peitos e non os teus!”…

 

De forma sumaria, estes foron algúns dos vitimarios e casos de brutalidade no Ordes mártir, de cando en xullo de 1936 comezou o terror contra as persoas que se atreveron a ter ideas, parafraseando o grande Rodríguez Castelao.

 

Manuel Pazos Gómez é mestre, historiador e investigador da represión na Comarca de Ordes.

Publicado no AFondo 'Os nomes do terror', co semanario Sermos Galiza nº208, agosto de 2016.

 

 



x