Aurora Marco: “Síntome transmisora da historia das mulleres silenciadas”

Aurora Marco: “Síntome transmisora da historia das mulleres silenciadas”
Aurora Marco con Chelo Rodríguez
Aurora Marco con Chelo Rodríguez  

A investigadora Aurora Marco recibe o nomeamento de Republicana de Honra, outorgado pola Comisión da Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, convencida de que o recoñecemento non é só a ela senón a todas as mulleres que sufriron a represión franquista e ás que lle dedicou os últimos anos da súa vida de investigadora. 


Autora, entre outras moitas obras, de Mulleres na guerrilla antifranquista galega (Laiovento), considérase transmisora da voz de todas as mulleres que viron a súa historia silenciada. 

-Que supón para vostede o nomeamento de Republicana de Honra pola CRMH?

Vendo as persoas que foron recoñecidas con anterioridade no inicio preguntábame que facía eu xunto a xente que padeceu tanto como Mariví Villaverde, Isaac Díaz Pardo ou Teresa Alvajar mais eles mesmos puxeron que se recoñecía tamén á voz das silenciadas e eu endendo como un premio á investigación e unha homenaxe a todas esas mulleres, en especial, ás guerrilleiras, ás que lle dediquei catro anos de investigación. Interpreteino como o recoñecemento a todas as mulleres que a historia ocultou. 

"Comecei a coñecer as súas historias, as traxedias, os traumas e adoptei a decisión de que, mentres teña azos, vou continuar nese camiño, achegándome ás memoria das mulleres represaliadas".

-A súa implicación na recuperación da memoria de investigadora pasou a persoal. Que supuxo para vostede ese traballo?

De todas as investigacións que levo feito en 43 anos, hai moitas que me encheron de satisfacción como o libro dedicado a Carvalho Calero, o de Avilés de Taramancos ou o Diccionario de Mulleres Galegas mais o traballo para min máis importante é das mulleres na guerrillas. Foron catro anos nos  que me impliquei persoalmente porque comecei a coñecer as súas historias, as traxedias, os traumas e adoptei a decisión de que, mentres teña azos, vou continuar nese camiño, achegándome ás memoria das mulleres represaliadas. Desde o ano 2006 centreime na recuperación e divulgación da súa historia en xeral e das guerrilleiras en particular e é por iso que agora digo que a homenaxe é a todas elas. 

-A súa investigación foi reveladora para descubrir o papel das mulleres na guerrilla antifranquista, un tema nunca antes tratado. 

Na bibliografía que coñecía sobre a guerrilla había unha monografía sobre Enriqueta Otero e algúns artigos sobre Josefina Abeledo ou Consuelo, mais a descuberta de que esas mulleres foron a columna vertebral da guerrilla foi o que me levou a continuar. O traballo comezou sendo menos ambicioso, pensei facer unha pequena monografía centrándome en determinadas familias, na Rodríguez López, na Gallego Abeledo e nunha de Cabanas na que había varias mulleres que estiveran encarceradas mais nunca pensei que tomaría esta dimensión. Foi tirar do fío e unhas persoas foron levándome a outras e así comecei a percorrer toda Galiza en busca de informantes. Foi un traballo moi gratificante porque comprendín que aquelas traxedias ficaron non só nas persoas senón tamén nas xeracións seguintes. O outro día lía unha entrevista coas psicanalistas Anna Miñarro e Teresa Morandi, que acaban de publicar unha recompilación do seu proxecto “Trauma e Transmisión” na que dicían que esas situacións se transmiten até a cuarta xeración. Salientan que o esquecemento non é posíbel e iso tamén eu o comprobei en primeira persoa. 

-Cal é a reacción cando as vítimas contan o seu pasado?

A xente cando fala libérase dunha carga que levaba enriba por manter en silencio durante tempo esa traxedia. Comprobeino en moitas ocasións pero, en especial, nunha entrevista en agosto do 2006 que me impactou especialmente. Era coa filla e as netas de Carmen Rodríguez Nogueira. Apenas podían falar porque choraban todo o tempo. Querían buscar o recoñecemento para a súa avoa e tamén o seu avó, que fora fusilado antes. Por iso tamén é tan importante o traballo para recuperar a memoria histórica. 

-Conseguiu falar con algunhas das protagonistas activas na guerrilla?

A única que vive é Chelo Rodríguez López á quen fun varias veces a visitar na súa casa nunha illa de Francia. Vai camiño dos 95 anos e eu coñecina en xullo de 2006. A partir dese momento foi unha referencia para min e manteño con ela unha intensa amizade. A forza, a falta de rancor, a valentía e a firmeza dos seus principios deixáranme abraiada. Contou para min todos os momentos tráxicos e duros que viviu e sempre me repetía a mesma frase: “Sigo na loita”. A esta altura, a súa loita se concreta no recoñecemento do labor que fixeron as mulleres na guerrilla. Coñecela e a entrevista coa filla e as netas de Carmen Rodríguez marcaron un antes e un despois na miña vida. 

"Comprendín que aquelas traxedias ficaron non só nas persoas senón tamén nas xeracións seguintes". 

-Recuperar a memoria segue a ser unha materia pendente con todas elas? 

Era unha débeda que chegou moi tarde. Na Transición fraguouse a idea de deixar a un lado o pasado, un pacto de silencio inxusto. Desde os anos oitenta varios investigadores a nivel particular comezaron a traballar nese sentido mais o momento definitivo para a recuperación foi a declaración do ano 2006 como Ano da Memoria polo goberno galego. Desde a Consellaría de Cultura promovéronse actos de homenaxe institucional como os da illa de San Simón, apoiouse a investigación, a elaboración de documentais, exposicións e moitas actividades que deron un xiro ao proceso de recuperación da memoria. Desde o 2009 desapareceu o apoio institucional e deuse mesmo un rexeitamento por parte do goberno da Xunta, que defende que non hai que remexer o pasado.  Queda aínda moito que facer e as feridas seguen abertas. Temos a obriga de dar esa mínima satisfacción ás familias. Aínda doe ver a negativa como a de onte do PP no Parlamento a outorgarlle a medalla de Galiza a Daniel e Amador. Temos que continuar e ese camiño é xa imparábel. Hai moitas persoas e asociacións de memoria histórica moi activa e medios que nos apoian para seguir adiante. 

-Cal é o seguinte paso na súa investigación?

Decidín, como che dicía, que non penso parar de deitar luz sobre vidas e traxectorias de mulleres represaliadas e estou traballando na biografía da anarquista Joaquina Dorado, unha muller que vai para 97 anos e ten unha traxectoria de compromiso militante admirábel. Unha vez Chelo díxome que eu era a “voz das silenciadas” a gústame verme como transmisora da súa traxedia, sen vivir o seu tempo identifícome coas súas historias. Desde o 2006 non fixen outro tipo de traballo e centrei a miña actividade, desde a investigación até xornadas ou conferencias, na recuperación da súa memoria e así teño vontade de seguir. 



x