O BNG toma o Arcebispado compostelán como acción simbólica contra o espolio franquista

O BNG toma o Arcebispado compostelán como acción simbólica contra o espolio franquista
Acto contra espolio familia franco. Obradoiro. Rubén Cela e Ana Miranda. Foto de Laura R. Cuba 2
Acto contra espolio familia franco. Obradoiro. Rubén Cela e Ana Miranda. Foto de Laura R. Cuba 2  

O voceiro municipal, Rubén Cela, e a representante da organización en Europa, Ana Miranda, reclamaron que as estatuas do Mestre Mateo deben ser devoltas ao Concello

 


O Bloque Nacionalista Galego realizou esta esta sexta-feira unha acción simbólica na Praza do Obradoiro para denunciar o espolio franquista ao pobo galego. Varias persoas despregaron unha faixa co lema “Que nos devolvan o roubado! Franquismo: nunca máis!” nas balconadas da sé do Arcebispado compostelán.

2017112412571718100

A pé de rúa, o voceiro municipal do BNG, Rubén Cela, e a voceira en Europa da fronte nacionalista, Ana Miranda, reivindicaron ante os medios a devolución das estatuas de Abraham e Isaac do Mestre Mateo. Dito patrimonio forma parte do Pórtico da Gloria e actualmente está no poder da familia Franco. O Concello de Santiago de Compostela, a quen pertencen orixinalmente as obras de arte, ven de presentar unha demanda para recuperalas por vía xudicial.

 

“Aledámonos moitísimo de que dunha vez o Concello de Santiago recurrira á vía xudicial, o BNG tamén recurrira a esa vía polo uso da familia de Francisco Franco das visitas guiadas ao pazo de Meirás e cremos que hai que esgotar todas as vías para que as estatuas volvan ser patrimonio do pobo galego”, apuntou Cela. O político nacionalista insistiu na necesidade de seguir a denunciar “desde todas as frontes posíbeis” o espolio franquista. “A nivel institucional o BNG plantexou iniciativas nos Concellos, no Parlamento de Galicia e incluso a través da nosa compañeira Ana Miranda, tamén en Bruxelas, no Parlamento Europeo”, sinalou.

 

“Un buraco negro na democracia”

 

A voceira do BNG en Europa, que ven de organizar unha xornada de debate no Parlamento Europeo a raíz da memoria histórica e a pervivencia institucional do franquismo nos nosos dias, sumouse ás palabras do seu compañeiro. “Este é o único caso que existe en Europa onde se permite unha fundación que fai apoloxía do fascismo”, incidiu Miranda. “É un buaco negro na democracia galega e non haberá unha verdadeira democracia mentres non haxa unha limpeza de toda a impunidade que ten o franquismo”, acusou a política nacionalista.

 

A voceira do BNG na Unión Europea tamén declarou que o partido se sumaba “a esas 220.000 sinaturas que foron presentadas en Madrid e que solicitan a ilegalización da Fundación Franco”. Ademáis, informou de que esta semana presentaran na comisión de peticións de Bruxelas “unha demanda para que a Unión Europea faga todo o posible para condenar esta fundación ilegal que fai apoloxía do fascismo”.



x