UN MOVIMENTO DE INSUBMISIÓN POPULAR A FINAIS DO SÉCULO XIX

De cando a Galiza se revolta contra a España

De cando a Galiza se revolta contra a España

Abade da Colexiata da Coruña, simpatizante do movemento rexionalista liberal, membro da Real Academia Galega desde a súa fundación, Ramón Bernárdez fica hoxe esquecido no cemiterio de Santo Amaro.


 

Lémbranos o Almanaque das Irmandades, a magnífica e moi útil publicación web da Asociación Socio-Pedagóxica Galega e Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, que un día como o de hoxe, 16 de xuño de 1911, morre Ramón Bernárdez González. Mais, quen foi este home enterrado no cemiterio de Santo Amaro e sobre o que non hai grande coñecemento? Tomamos a súa figura para exemplificar un tempo en que a Galiza se rebelou contra a España.

 

Segundo a prensa do momento Ramón Bernárdez  foi un dos máis “ insignes caudillos de aquella cruzada épica” en referencia á mobilización contra o traslado da Capitanía da Coruña a León. Mais foi moito máis.

 

Cando o 12 de marzo de 1893 a prensa deu a coñecer o proxecto da nova división territorial militar elaborada polo goberno de Sagasta que trasladaba a Capitanía xeral da Coruña a León comezaron os protestos. Primeiro co envío de cartas e telegramas ás autoridades. Despois, co Concello da Coruña constituído en sesión permanente. Logo, con todos os membros a presentaren a dimisión o 19 de marzo.

 

O 20, no Circo de Artesáns, creouse a Xunta de Defensa que acordou empregar a resistencia pasiva como medio de presión. En abril e maio o descontento aumenta e por toda Galiza xorden adhesións. A administración fica totalmente paralisada.

 

A idea do goberno Sagasta, en 1893, de trasladar a sede da Capitanía Militar da Coruña a León desencadeou un movemento de cohesión popular, non só na cidade da Coruña mais en toda a Galiza, poucas veces coñecido. A decisión mereceu a consideración de auténtico ultraxe, aldraxe que ninguén estaba en disposición de asumir. Autoridades locais, comerciantes, e demais forzas vivas chamaron a non pagar impostos ao Estado. 

 

“Suspendese o pago de toda contribución directa ao Estado e, por conseguinte, os propietarios, fabricantes, industriais, comerciais, avogados, médicos, farmacéuticos e todos aqueles que están inscritos no padrón industrial, absteranse de pagar as matrículas”

 

Foi un chamamento en toda a regra para a desobediencia civil. Quen así non o fixer sería alcumado ]de “traidor á patria”

 

"Non son intereses egoístas e mesquiños de localidade [...] deféndese o que é de todos os galegos; o que á Galiza pertence"

 

Neste contexto non foi difícil crear a Xunta de defensa local da que Ramón Bernárdez formou parte alén de ser un dos asinantes, en xuño dese ano de 1893, da dura proclama que a Xunta de defensa difundiu. Nesta proclama, tras afirmar que non se trata de defender intereses locais, e xa fartos de pedir, razoar e suplicar que non se cometese tal aldraxe, constátase que chegou a hora de se defender.


Concluíu a hora de pedir, chegou a hora de resistir. 
As Autoridades populares onte pediron, hoxe dimiten.
Aseguramos que ninguén as reemprazará.
As nosas Corporacións pediron,  e hoxe cesan nas súas funcións.
Ninguén ocupará os seus postos
[...]
Unámonos todos os galegos en apertado feixe.
Dimitamos en todo o que poidamos dimitir, para que non se diga que os pobos teñen os Gobernos que merecen.
Dimitamos, mais non abdiquemos.
Resistencia; resistencia galega; fría mais firme; serena e meditada mais tenaz.
Galiza sofreu moito, calou moito. E chegou a hora da indignación [...]
Unión, calma e que sexa o noso lema: Todo por Galiza e para Galiza”

 

Os membros da Xunta, co alcalde Soto á cabeza, foron procesados e levados á prisión no cuartel de Santo Domingo. Acompañáronos unhas 400 persoas polas rúas até o lugar de reclusión. Os balcóns das casas por onde pasaban vestíronse de loito, menos os dos procesados, que exhibían a bandeira branca da Coruña. O pobo desenvolveu unha intensa actividade para lles levar alimentos á prisión.

 

Nese mesmo ano de 1893 o Abade da Colexiata, como era coñecido, actuou como mediador no conflito laboral entre os dependentes de comercio e os seus xefes, logrando para os dependentes o descanso dominical.

 

Desde 1895 foi presidente da fundación Marqués de Amboage. Esta fundación tiña como fins "distribuír todos os anos, entre cen pobres verdadeiramente necesitados, veciños ou que residan habitualmente na cidade de Ferrol, a suma de cinco mil pesetas en metálico" nun repartimento que se facía o 31 de agosto, día de San Ramón, dando a cada pobre 50 pesetas. Ademais tamén pagaba a familias pobres as 1.500 pesetas que custaba a excedencia do servizo militar. Esta axuda evitou que moitos ferroláns loitasen na guerra de Cuba e que familias campesiñas tivesen que prescindir da axuda dos seus fillos durante os dous anos de servizo. 

 

Xa no 1902 participou, como vicepresidente en nome do clero, na xunta provincial presidida por Pérez Costales, encargada de levantar un monumento a Castelar, onde tamén figuraba, como vogal Murguía.

 

En 1907 participou na constitución de Solidaridad Gallega, alentou a publicación de Galicia Solidaria e convocou e fallou o concurso en que foi premiado o Catecismo Solidario de Uxío Carré Aldao. Na liña das bases do concurso destinado a premiar, con 100 pesetas, o “mellor folleto de propaganda solidaria rural, escrito precisamente en galego corrente, non académico, análogo ao Catecismo do labrego do malogrado poeta D. Valentín Lamas”.

 

Abade da Colexiata da Coruña, simpatizante do movemento rexionalista liberal, membro da Real Academia Galega desde a súa fundación, Ramón Bernárdez fica hoxe esquecido no cemiterio de Santo Amaro. Se cadra un pouco envergoñado ao ver que os que viñemos despois del pouco caso facemos daquela frase que figura no manifesto que el asinou: 


Non, nunca debemos consentir que se nos arrebate o que é noso


 



x