UN MISTERIO LITERARIO POR RESOLVER

E se de certo existiu Esperanza Roca?

E se de certo existiu Esperanza Roca?

Aínda que a Academia Galega tiña, e ten, entre os seus obxectivos a dignificación da nosa lingua, houbo que esperar algún tempo após a súa constitución, o catro de setembro de 1905 no salón da coruñesa Reunión Recreativa e Instrutiva de Artesáns, para atopar o galego nos seus boletíns. Foi no número trinta e cinco, de vinte de abril de 1910. Nel reproducíronse os discursos lidos na sesión do 13 de decembro de 1909 celebrada en Santiago para a recepción de Amador Montenegro, primeiro académico a redixir o seu discurso de ingreso en galego.

 

Montenegro, licenciado en dereito canónico e civil, comezou a colaborar desde novo na prensa e fundou en Lugo a revista A Monteira, primeira publicación a facer publicidade en galego co obxectivo ben expreso de “vencer a repunancia ó noso idioma”.

 

Escribía Montenegro nesta revista co seu nome propio, mais a partir do número dezanove, oito de febreiro de 1890, deu a coñecer once poemas baixo o pseudónimo de Esperanza Roca. Do ponto de vista literario, é visíbel en Esperanza Roca o repertorio de motivos de estirpe rosaliana e pondaliana: a interpelación á natureza, cómplice dos sentimentos; a denuncia da expulsión do labrego da súa terra pola presión fiscal; a solidariedade cos que traballan na terra e no mar; o clamor contra a emigración; a exaltación de monumentos como símbolo da nosa historia e do dereito ao futuro...

 

Sobre esta pseudonimia non parece haber dúbidas mais, e se realmente existiu Esperanza Roca? E non só existiu senón que escribiu en galego. Esa é polo menos a liña que segue Mariano Miguel de Val, avogado e secretario do Ateneo de Madrid, nun artigo titulado "Escritoras Gallegas" publicado en El Correo Gallego o 19 de xuño de 1907 e repetido ao día seguinte en La Correspondencia Gallega, diario de Pontevedra. De Val, o mesmo que no número 25 de Galicia, revista quincenal ilustrada, publica un poema titulado Margarida traducido ao galego por Eduardo Pondal, inclúe Esperanza Roca nunha lista de mulleres escritoras realmente existentes como Mercedes Tella, Sofía Casanova ou Filomena Dato.

 

Sobre esta pseudonimia non parece haber dúbidas mais, e se realmente existiu Esperanza Roca? E non só existiu senón que escribiu en galego

 

Para alén desta faceta exclusivamente poética El Regional, diario de Lugo, no seu número de 28/12/1890 inclúe esta referencia:

 

“En el número de A Monteira correspondiente al día de ayer, vió la luz un excelente retrato, hecho por el procedimiento cromo-litográfico, de nuestro compañero de redacción el Sr. Amor Meilán.

A dicho retrato acompaña una extensa y laudatoria biografía escrita en colaboración por Esperanza Roca, Pepe das Festas, Amador Montenegro, A.M.S. y otros. El retrato en cuestión ostenta al pié la firma del ilustre M. López Prado”

 

Mais no referido número da Monteira, o de 27/12/1890, o 65 e derradeiro desta publicación, non figura tal retrato nin hai colaboración de Esperanza Roca. Hai, iso si, un editorial de despedida que finaliza cun "¡Viva Galicia! ¡Viva o rexionalismo!" El Regional foi un periódico de corte rexional que tivo como director a Amor Meilán, que por súa vez foi colaborador de A Monteira. Posiblemente a nota de El Regional haxa que a interpretar á luz da festividade do día: 28 de decembro. Sería pois unha das moitas inocentadas presentes na prensa do momento.

 

El Regional foi un periódico de corte rexional que tivo como director a Amor Meilán, que por súa vez foi colaborador de A Monteira

 

Para alén das referencias de Mariano Miguel de Val, Esperanza Roca só ten existencia no universo de A Monteira onde Montenegro escrebe con nome de muller, no mesmo século en que, en espazos literarios non tan distantes do noso, triunfa xustamente o caso inverso: a muller Amandine Aurore Lucile Dupin é o home George Sand; a que é Charlotte Brontë ten o pseudónimo de home Currer Bell; George Eliot é o pseudónimo que empregou a británica Mary Anne Evans. Caterina Albert i Paradís naceu muller mais literariamente foi o home Víctor Català do mesmo xeito que Fernán Caballero viña sendo Cecilia Böel.

 

Pode resultar chamativa esa pseudonimia feminina de Amador Montenegro, mais lembremos que tamén Lamas Carvajal publicou baixo o nome Arminda Flora Serrano. No século XXI, a escritora Yasmina Khadra, pseudónimo feminino do comandante alxerino Mohammed Moulessehoul afirma escreber con pseudónimo para se poder adentrar con maior liberdade na recreación da Alxeria, evitar a autocensura e poder expresar a súa admiración polas mulleres alxerinas e a esperanza que estas supoñen.

 

Será o Roca de Montenegro acrónimo de RO(salía) CA(stro) e esta a nosa Esperanza?

 



x