OS VINDEIROS 11, 12 E 13 DE AGOSTO

O guerrilleiro Antonio P. Barreiros centra a III homenaxe ás vítimas do franquismo en Verín

O guerrilleiro Antonio P. Barreiros centra a III homenaxe ás vítimas do franquismo en Verín
Antonio Pérez Barreiros. Membro da 2ª Agrupación Guerrilleira. Verín
Antonio Pérez Barreiros. Membro da 2ª Agrupación Guerrilleira. Verín  

Após da primeira homenaxe popular ás vítimas do réxime franquista, na que se presentou o documental ‘Causa 1.021’, realizada no ano 2011 e a segunda celebrada hai dous anos, na que se fixo pública unha lista de máis de 400 represariados entre os que se atopaba o alcalde de Verín en 1936; a Unión Local da CIG de Verín e A Limia organiza a III Homenaxe ás vítimas do Franquismo na Comarca de Monterrei a vindeira fin de semana.


Este ano, a homenaxe terá comezo a vindeira sexta feira ás 20h no Salón de Actos da Casa de Cultura de Verín. O Secretario da Unión Local de Verín e A Limia, Luís Ferreiro, xunto coa autora do libro 'O futuro é para sempre' e antropóloga, Paula Godinho, presentarán en coloquio esta publicación. Centrado nos mecanismos socialmente construídos, polas poboacións das comarcas raianas entre Portugal e Galiza, para a resolución dos seus problemas cotiás, o libro de Godinho dedica un capítulo íntegro ás “trabalhadoras téxteis de Verim” no que se analizan o seu comportamento e as súas relacións sociais.

 

A xornada de homenaxe continúa o vindeiro sábado 12 no mesmo salón, á mesma hora. Nesta ocasión, Luís a estar en compañía do historiador e coordinador do libro 'Os nomes do terror', editado por Sermos GalizaDionisio Pereira. O coloquio centrarase na presentación e na análise dun traballo único, no que por primeira vez na Galiza, se sinalan as identidades, historias, miserias e crimes dos fascistas que protagonizaron os asasinatos derivados da represión franquista.

 

A ser o vindeiro domingo ás 22h na Praza da Mercé de Verín, cando se a realizar o Acto de Homenaxe ás Vítimas do Franquismo. Prestarase respecto na Comarca á figura do veciño de Verín e guerrilleiro da II Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galiza, Antonio Pérez Barreiros, que faleceu na vila no ano 2012; entregándose, asemade, a súa viúva, Isabel do Barrio, unha lembranza na súa memoria.

 

A presentación e proxección ó aire libre do filme ‘O silêncio’, realizado polo verinés Xosé Lois Santiago, porá fin a esta III Homenaxe ás vítimas do réxime franquista que tanto tempo durou en Galiza. Previo á proxección, formarase un coloquio protagonizado polo realizador do filme e coas intervencións dos actores Antonio Loja Neves e José Manuel Alves Pereira, sobre os acontecementos de 1946 no Cambedo da Raia (Chaves). Esta pequena aldea, que se atopa a escasos metros de Galiza, foi atacada en 1946 nun episodio derivado do golpe franquista de xullo de 1936. A veciñanza da vila perdeu en menos dun ano a 18 dos seus habitantes, presos no cárcere do porto até o seu xuízo que tivo lugar en decembro de 1947. Nunha acción cívica, en decembro de 1996, levada a cabo por un conxunto de galegas e galegos, rescatou a memoria de solidariedade e con ela voltou a autoestima local.

 

O filme, en resumo, relembra o acontecemento pasado nesta pequena vila illada do extremo norte de Portugal e recolle a testemuña das persoas da aldea do Cambedo que ficaron por 50 anos abrigadas e obrigados ó ‘silêncio’, sen poderen falar deste tráxico episodio.  



x