Compostela afirmou o poder do Reino da Galiza coa cuñaxe de moeda propia

Compostela afirmou o poder do Reino da Galiza coa cuñaxe de moeda propia
A moeda da Traslatio
A moeda da Traslatio  

O estatus conseguido polo bispo Diego Xelmírez para Galiza incluíu a competencia de cuñar moeda en Santiago de Compostela, unha potestade que na Idade Media só ostentaban os monarcas, e un símbolo que destinou para incrementar a soberanía política e o poder económico do Reino, alén de servir para impulsar a construción da Catedral. Investigacións recentes atribúenlle ao Mestre Mateo a iconografía xacobea das moedas saídas da ceca compostelá.


A Casa da Moeda existía dende o ano 1078, en que Afonso VI concede a Diego Páez o privilexio de cuñaxe de moeda para custear a construción da basílica, feito que volveu negociar Diego Xelmírez a partir de 1107, segundo consta na obra El Reino de Galicia hasta 1700, de Francisco Elías de Tejada e ‎Gabriella Pércopo. A ceca compostelá estaba asentada na rúa da Moeda Vella e baixo o reinado de Afonso VI, a 14 de marzo de 1107, conseguiuse o poder para que saísen as primeiras moedas sobre o Camiño de Santiago.

 

As vantaxes outorgadas por Afonso VI perseguían un obxectivo concreto, manter en todo o reino unha unidade económica, cuñando moeda propia de billón, con exclusividade en toda a súa área de influencia e mantendo o nome do rei nas lendas. A moeda concesionaria de Santiago acabou na época de Afonso VIII (1188-1230).

 

O numismático Antonio García Uzal destaca que as moedas saídas da ceca de Santiago de Compostela “se facían a martelo, ningunha é igual a outra, só no cuño mais non na posición”. Había un cuño fixo e o mallador encargábase de marcalas.

 

Das tres moedas coñecidas da ceca compostelá, o diñeiro e o óbolo presentan no seu anverso un busto do Apóstolo que permite estabelecer conexións coa miniatura presente no Códice Calixtino, así como coa desaparecida pintura de Santiago do ciborio doado por Diego Xelmírez, efixie que se debuxa como imaxe oficial para a iconografía apostólica anterior ao Pórtico da Gloria, sinala a investigadora Rosa Vázquez Santos. Doutra banda, a terceira moeda coa escena da Translatio constitúe un elemento central para a comprensión do culto aos santos Teodoro e Atanasio, así como a pista esencial á hora de desenvolver os ciclos pictóricos relativos ás tradicións e ás lendas xacobeas.

 

busto.apostoloInvestigadores como Xosé Suárez Otero e Serafín Moralejo relacionan estes deseños coa destreza do Mestre Mateo e apuntan a que poden ser da súa autoría. “Para a súa atribución, baséanse en aspectos estilísticos e, sobre todo, na capacidade innovadora do artista, a quen consideran capaz de crear un novo tipo monetario frontal, similar ao que anos despois presidiría o Pórtico da Gloria”, explica Vázquez Santos.

 

A moeda da Translatio

 

No Museo da Peregrinacións atópase un exemplar desta moeda que representa a lenda da Translatio do Apóstolo, cunha barca sobre a que aparece o corpo do apóstolo Santiago e aos seus pés aprécianse as cabezas de dous discípulos. Leva a lenda S(ancti)IA-COBI e a inscrición do anverso remite ao reinado de Fernando II. Trátase da representación máis antiga coñecida do relato da translación marítima dos restos do apóstolo Santiago, que parten dende Palestina a Galiza.

 

Esta moeda foi encontrada polo profesor Xosé Carro Otero en 1985 durante unhas escavacións no Adro Vello (O Grove, Pontevedra). As análises determinan que mide 13 mm e ten 0,27 g de peso, “cun contido en prata do 40% e foi, pois, unha medalla de billón moi rica”, segundo o numismático Rubén López-Cortés. Este investigador recolle que Fernando II lle outorgou á ceca compostelá enormes exencións e privilexios, de xeito que de 1171 a 1182 renunciou aos ingresos pola actividade desta factoría, logo de percibir durante 14 anos a metade das ganancias da ceca, de acordo ao dereito que estabelecera o seu pai Afonso VII.

 

Na época de Fernando II os labregos e labregas non compraban produtos coa moeda “senón que pagaban cos seus produtos para adquiriren moedas coas que pagar as súas rendas e tributos”, explica Antonio Roma Valdés, profesor de Dereito e doutor en Historia. As moedas máis importantes eran o morabitino de ouro e o diñeiro tornés francés. Cada morabitino equivalía a sete soldos de torneses, isto é, 84 diñeiros. Esta era a moeda preferida para o cobro de rendas e tributos. O Camiño Francés estaba cheo de morabitinos e torneses, que eran divisas internacionais.

 

Segundo explica Roma Valdés, a comezos do século XIV varios documentos refírense á Moneta Veteri e a súa configuración parece transformarse en 1323, cando o mosteiro de San Martiño e o bispo compostelán permutan casas para abriren unha rúa entre Moeda Vella e a rúa do Val de Deus. Ao final da Idade Media coñecíase a praza que dá á fachada norte da catedral como praza das Cambias, polo costume de trocar aí o diñeiro, e era ocupada por distintos postos e tendas que arderon en 1631.

 

A moeda de billón, que recibía numerosos nomes e era de amplo uso na Galiza na fin da Idade Media, cuñouse na ceca de Santiago de Compostela, Lugo, A Coruña, Milmanda, Tui e Ourense. Cando os reis casteláns se fixeron co poder na Galiza procederon a desmonetizar o diñeiro aquí acuñado, mais seguiu a circular durante un tempo. Coa introdución da peseta en 1868 desapareceu a cuñaxe de moeda na Galiza.

 

Pesetas e euros con iconografía xacobea

Mais a iconografía xacobea que caracterizou as moedas cuñadas na ceca compostelá volveu aparecer en diversas ocasións relacionadas cos anos santos e xubilares.

 

En 1993 saíron unha tiraxe de moedas de 5 pesetas co botafumeiro no anverso e co Santiago Peregrino no reverso e mais outra de 100 pesetas co Camiño Francés. En 1999, foi unha edición de 2.000 pesetas conmemorativa do Ano Xubilar, a modo de exemplos.

 

O BOE vén de publicar que no primeiro semestre de 2018 sairá unha tiraxe de 300.000 moedas coa reprodución da imaxe de Santiago Peregrino situada no arco central do lenzo da Porta Santa da Catedral de Santiago de Compostela, para conmemorar o 50 aniversario do Rei Filipe VI e o seu vínculo co Camiño. Porén, estas moedas xa non son emitidas na ceca compostelá.

 

Nota: na ilustración que vai no meio do texto aparece unha moeda co busto do Apóstolo



x