O Congreso reclama a recuperación do pazo de Meirás e a ilegalización da Fundación Franco coa abstención do PP

O Congreso reclama a recuperación do pazo de Meirás e a ilegalización da Fundación Franco coa abstención do PP

Tamén pide que o concello de Sada xestione as visitas ao Pazo de Meirás. Decisión adoptada por unha iniciativa de En Marea.


A comisión de Cultura do Congreso español aprobou coa abstención do PP unha proposición de En Marea transaccionada polo PSOE para instar a Xunta a dar inicio aos trámites necesarios para recuperar o Pazo de Meirás. Na proposta tamén se insta a que se encomende ao Concello de Sada a xestión das visitas a este Ben de Interese Cultural propiedade da familia Franco. O PP tamén se abstivo no acordo do Congreso para reclamar a ilegalización da Fundación Francisco Franco, que é quen xestiona as visitas. “A ilegalización ten que ser por resolución xurídica”.

 

O PP alegou unha “cuestión de competencias” para se abster, afirmando que é a Xunta quen ten que dar os pasos necesarios. De feito, no propio día en que se deba aeste debate a Consellería de Cultura informaba que creaba unha comisión para estudar a recuperación do Pazo de Meirás. Cómpre lembrar que o goberno galego desbotou facer parte da Xunta pro-Devolución do Pazo impulsada pola Deputación da Coruña, integrada por unha trintena de concellos e da que fan parte expertos e historiadores. Os populares, aliás, opuxéronse tamén a que o Concello de Sada asuma a xestión das visitas.

 

“Instamos o Goberno a aprobar o requeremento do concello de Sada para incorporar o Pazo de Meirás ao patrimonio público e que sexa xestionado polo consistorio e non pola Fundación Franco”, argumentou o deputado Miguel Anxo Fernán Vello, que defendeu a iniciativa na Comisión de Cultura. Unha vez recuperada a titularidade pública do Pazo de Meirás, o Congreso aprobou que se promova a súa conversión nun Centro de Divulgación da Memoria Histórica democrática galega . “É de xustiza reclamar a devolución do Pazo de Meirás, que no seu día foi de Emilia Pardo Bazán, ao pobo galego e que sexa de titularidade pública”, concluiu o deputado Fernán Vello.



x