42 ANIVERSARIO

O Consello de Forzas Políticas Galegas, unha alternativa galega para a ruptura democrática

O Consello de Forzas Políticas Galegas, unha alternativa galega para a ruptura democrática
Marcha a prol das Bases Constitucionais. 1978.
Marcha a prol das Bases Constitucionais. 1978.  

Este 5 de xaneiro é o 42 aniversario da constitución do CFPG. Cilia Torna retrotráenos a un tempo politicamente moi convulso, en que se fraguou o actual réxime. Esta é a historia de como na Galiza a oposición ao establishment do 78 protagonizouna en solitario o nacionalismo galego.


Preparémonos para o bombardeo ideolóxico. O corenta aniversario da Constitución española será aproveitado, como outras onomásticas redondas da carta magna, para dar folgos ao réxime actual, presentando a transición como un proceso modélico, explicando o tempo transcorrido após a morte de Franco como exitoso en termos históricos e exemplar en puridade democrática e significando a vixencia, as virtudes e a actualidade do texto constitucional.

 

As urxencias políticas derivadas da impugnación por parte do pobo catalán do marco xurídico político fornecerá novas enerxías aos propagandistas do réxime, para blindar o modelo institucionalizado en 1978 polos herdeiros do franquismo e unha parte da oposición democrática, baixo o patrocinio de USA e da República Federal Alemaña, coa monarquía e as forzas armadas como chave de bóveda. Abrir novos marcos de posibilidades para as nacións sen estado e para as clases populares daquilo que é estritamente España obriga a cuestionar o relato elaborado arredor da transición, desenmascarar o discurso hexemónico sobre o texto de 1978 e evidenciar a ausencia de lexitimidade en orixe do actual marco político.

 

Bases ConstitucionaisO Consello de Forzas Políticas Galegas é a expresión da vontade de mudanza de sectores significativos do pobo galego e a alternativa dunha nova institucionalidade merecente da consideración de democrática. O 5 de xaneiro de 1976, presentábase diante de 2.000 persoas no paraninfo da Universidade Compostelá, nun acto no que farían uso da palabra representantes dos tres partidos políticos que o conformaban inicialmente, isto é, o Partido Socialista Galego (PSG), o Partido Galego Social-Demócrata (PGSD) e a Unión do Povo Galego (UPG), ao que andado o tempo se sumarían o Movemento Comunista de Galiza(MCG) e o Partido Carlista. O novo organismo unitario pretendía ser, nun momento no que existían síntomas evidentes da descomposición do réxime franquista, unha alternativa nacional e democratizadora. que non validase o proceso de reforma pactada cos forzas do franquismo, e que expresase, ao tempo, a vontade do nacionalismo de Galiza existir non como un apéndice de deseños estatais senón como unha realidade motora dunha dinámica política propia.

 

As Bases Constitucionais da Nación Galega foron a concreción practica da alternativa política do Consello de Forzas Políticas Galegas. A proposta, presentada en abril de 1976, é un documento de carácter programático, que ten os seus principios orientadores nun documento elaborado pola UPG en outono de 1974 co título Encol da chamada Junta Democrática, onde se acoutan os eixos cardinais da proposta do nacionalismo para a ruptura, isto é, a consideración de Galiza como nación e, por conseguinte, depositaria de dereitos políticos e un modelo de Europa diferente ao do capital monopolista, definido pola CEE. Segundo ten afirmado Francisco Rodríguez, "as Bases Constitucionais foron naquela altura, un modelo galego para estruturación federal do Estado, de base nacional diversa. A concepción da soberanía como algo inherente a cada nación e o seu signo distintivo: é a nación a que fai cesión, para que poda existir o Estado Plurinacional, a unidade entre iguais. É a forma de concretar un modelo de autodeterminación, acorde coas circunstancias históricas".

 

Esta experiencia posibilitou a visualización da cuestión galega no debate estatal

 

As contradicións internas, derivadas dos compromisos adquiridos por algunhas das forzas integrantes do Consello coas plataformas de oposición de carácter estatal, e a lóxica esóxena, coas liñas mestras do proceso xa pactadas entre o goberno de Adolfo Suárez e a chamada "oposición democrática”, aglutinada na Platajunta, que xa tiña apostado pola vía da reforma, manifestando unha absoluta falta de sensibilidade ás demandas nacionais, puxeron remate á alternativa unitaria galega no outono de 1976. Porén, esta experiencia posibilitou a visualización da cuestión galega no debate estatal, permitiu situar na medular do debate político do país o problema nacional e forneceu ao nacionalismo dunha alternativa coa que enfrontar e impugnar o réxime de 1978. Só o nacionalismo mantivo o combate contra o modelo institucionalizado na constitución de 1978 e aquilatado no estatuto de 1981, erguendo o facho co que o pobo se mobilizara contra o Franco, defendendo en solitario unha proposta merecente da consideración de democrática.

 

Se ben a disolución deste organismo unitario prodúcese formalmente a finais de 1976, a súa desaparición práctica data de outubro dese ano, onde após unha reunión en Madrid coa Platajunta, representada por Trevijano e Fernando Mújica, evidéncianse as contradicións internas, así como as circunstancias externas que lle impiden continuar adiante se non é renunciando a alternativa das Bases Constitucionais. Dunha banda, a chegada ao Goberno de Adolfo Suárez intensifica os contactos entre o réxime franquista e a chamada "oposición democrática", agrupada na Platajunta, que non amosa ningunha sensibilidade ás reivindicacións galegas; as grandes liñas da transición xa estaban pactadas, pola contra convida o Consello a que renuncie a súa alternativa a risco de non ficar fora do xogo político. Doutra banda hai que ter en conta que o Movemento Comunista -igual que a Federación de Partidos Socialistas, do que formaba parte o PSG- estaban integrados na Platajunta o que provocaba unha subordinación ás estratexias estatais no caso do MCG e, en menor medida, do PSG, feito que se sumaba á negativa dos primeiros a integrarse no sindicalismo nacionalista e no caso dos segundos á presión dun sector interno que defendía e remataría en 1977 por integrarse no PSOE; así as cousas este sector do PSG e o conxunto do MCG deixan de verlle utilidade a permanecer no Consello.

 

Xa que logo, non é posíbel explicar este documento se non temos en conta o contexto no que xorde, o intento de encarreirar o Estado polos vieiros da reforma e a reconciliación nacional, o momento político no que aparece, con dúas plataformas de oposición a nivel do Estado, apadriñadas unha polo PCE e a outro polo PSOE, que posteriormente converxen xa en negociacións con sectores do franquismo, e a propia experiencia histórica do nacionalismo, nomeadamente os baleiros que sufriu na redacción da Constitución da II República.

 

Neste sentido non é casual que o nacionalismo abandonase esta alternativa nos primeiros oitenta, posto que era evidente que tras o 23-F e a posterior marea recentralizadora, o novo réxime estaba asentado, a transición rematada e naquela conxuntura ficaba sen virtualidade unha proposta que nacera, para un tempo concreto, a ruptura fronte a formulacións pactistas co franquismo que ofrecían o autonomismo como solución. Independentemente da resultante do proceso, a utilidade das Bases no plano práctico está fóra de toda dúbida,

 

Corrección: na versión inicial deste artigo deslizábase unha incorrección cando se afirmaba que hoxe é o 40 aniversario do CFPG. En realidade, é o 42.



x