Feijóo vería "franquista" a expropiación do Pazo de Meirás

Feijóo vería "franquista" a expropiación do Pazo de Meirás
Alberto Núñez Feijóo, antes da entrevista
Alberto Núñez Feijóo, antes da entrevista  

O presidente da Xunta estaría a prol dunha "transmisión a título gratuíto" do imóbel e da finca espoliadas polos fascistas en 1938. Esta cuarta feira, Feijóo será interpelado sobre este asunto no Pleno do Parlamento galego, por iniciativa da líder do BNG, Ana Pontón.


A Xunta exclúe a hipótese da expropiación do Pazo de Meirás -unha propiedade alcanzada pola familia Franco após extorsionar miles de galegas e galegos- co argumento de que "os galegos non estamos polo labor de pagar dúas veces o Pazo de Meirás. Pagámolo en 1938 cando o doamos á familia e estou certo de que en 2017 non estamos dispostos a voltar a comprar esa propiedade".

 

O matiz é que en 1938 non houbo unha doazón voluntaria, senón unha extracción forzosa de diñeiro por parte das elites filofascistas de A Coruña -a oligarquía local que dominaría a cidade durante a ditadura e que aínda hoxe detén importantes alavancas de poder.

 

Feijóo -que fixo estas declaracións este domingo durante unha entrevista en Radio Galicia-SER- considera que un proceso de expropiación constituiría "un mecanismo franquista de incumprimento da lei". "Non imos utilizar mecanismos franquistas para conseguir un ben que o ordenamento xurídico actual protexe de acordo co seu titular rexistral", dixo.

 

A partir daí, a vía que se abre por diante da Xunta sería o acordo coa familia Franco. "Todo o que sexa unha transmisión a título gratuíto de Meirás ao patrimonio de Galiza será benvido", alegou. Unha perspectiva ilusoria sendo que os descendentes do ditador non teñen o menor interese na devolución debalde do pazo.

 

Hai outra opción, á que non se fecha en principio Feijóo. A contitución dunha comisión de expertos para revisar o expediente de doazón de 1938, unha proposta do PSdeG que no seu momento foi ben recibida polo portavoz do grupo parlamentar no Pazo do Hórreo, Pedro Puy.

 

 

 



x