Ferrol, 1936: apuntes para unha intrahistoria da represión

Ferrol, 1936: apuntes para unha intrahistoria da represión
[Imaxe: Cedida] Victoriano Suanzes, capitán da carga
civil e delegado de Orde Pública en Ferrol
[Imaxe: Cedida] Victoriano Suanzes, capitán da carga civil e delegado de Orde Pública en Ferrol  

O historiador Eliseo Fernández achega unha valiosa información sobre o golpe militar e a represión en Ferrol. Unha peza que deixa ver as pegadas das autoridades promotoras dos crimes cometidos na bisbarra.


Os traballos publicados sobre o golpe militar e a represión en Ferrol van deixando ver as pegadas das autoridades promotoras dos crimes cometidos na bisbarra. O inicio da represión sistemática pode situarse no 30 de xullo, cando o diario local El Correo Gallego titulaba en primeira plana: “Activa y enérgica actuación del Delegado de Orden Público en la provincia, teniente coronel de la Benemérita señor González Vallés”. O garda civil era Florentino González Vallés, nomeado delegado de Orde Pública da provincia da Coruña o 24 de xullo. O 10 de agosto Victoriano Suanzes Suanzes, un capitán da garda civil (fillo dun almirante ferrolán) que fuxira de Barcelona ao inicio da guerra civil, foi nomeado delegado de Orde Pública de Ferrol. E o 17 de agosto tomou posesión do cargo de xefe de Policía de Ferrol o capitán de artillería José María Pagola Birebén, completando así a pirámide do poder represivo na cidade.

 

O historiador Xosé Manuel Suárez ten sinalado como o período en que Victoriano Suanzes ocupou o cargo, entre agosto e outubro, coincide co período álxido das execucións irregulares. En 20 sacas realizadas en pouco máis de sesenta días foron asasinadas 134 persoas, a maioría delas sen ter visto a un xuíz e algunhas delas mesmo xa sentenciadas a penas de prisión. O modus operandi repetíase con matemática regularidade: os presos saían da cadea militar da Escollera (no Arsenal) ou do buque-prisión “Plus Ultra” cunha orde escrita de Suanzes ou de Pagola e eran conducidos ao cemiterio de Canido para ser fusilados. Ás veces a infamia completábase coa emisión dun comunicado da Delegación indicando que os presos foran sacados das cadeas para buscar armas agochadas e que resultaran abatidos polas forzas de orde pública ao tentar fuxir.

 

O arquivo privado dun militar golpista, o tenente coronel José Fano Díaz, recolle unha serie de escritos nos que este oficial se laiaba da persecución á que fora sometido polos seus mandos a consecuencia da súa protesta diante daqueles crimes. Aínda que Fano participou da represión legal como integrante de diversos consellos de guerra (entre eles os que condenaron a morte aos catro gobernadores civís da Galiza), denunciou os excesos destes dous gardas civís e as ameazas de morte que recibira por manifestarse en contra deles, até o ponto que atribuía o seu traslado forzoso a Asturias ás presións do propio González Vallés.

 

A finais de outubro de 1936 Victoriano Suanzes foi cesado do seu posto, e Fano ve a orixe deste relevo na protesta do Vaticano por un novo exceso represivo, ao ser paseado en Barallobre o crego Andrés Ares Díaz o día 3 de outubro, por non querer entregar a uns milicianos os cartos recadados para as festas de Val de Xestoso. O feito de que no mes de decembro de 1936 non houbese na bisbarra de Ferrol nin un só asasinato extraxudicial amosa claramente que a represión estaba claramente ligada á actividade de Suanzes. Mais o que podería parecer unha rectificación non foi tal, pois no outono de 1937 Victoriano Suanzes foi chamado a ocupar o cargo de delegado de Orde Pública na provincia da Coruña, un posto que Florentino González Vallés tivera que deixar a inicios de ano pola implicación dun fillo seu en actividades de extorsión económica.

 

Entraríamos no campo da psicoloxía se tentásemos analizar por que a derradeira actuación de Suanzes no seu cargo en Ferrol foi a organización da chamada “Fiesta del pobre” o 1 de novembro de 1936: unha manifestación polas rúas da cidade de cen persoas pobres, escoltadas polas milicias da Falange, Flechas e Sección Femina, misa oficiada polo bispo Benjamín de Arriba e sorteo dunha casa entre viúvas pobres de Ferrol. Malia que Suanzes fora o organizador dos actos, o seu cesamento impediu que puidera estar presente e comprobar que casualmente (se é que podían existir casualidades naquel tempo) a muller á que lle correspondeu no sorteo aquela casa era María Pereira Faraldo, viúva con nove fillos despois da execución irregular do seu home Manuel Argüeso Pardo o 27 de agosto de 1936.

 

[Esta información foi publicada no A FONDO "Os nomes da represión", publicado co Sermos Galiza 208á venda na loxa]



x