FUNDADOR DA UNIÓN SOCIALISTA GALEGA

Un filme rescata a memoria de Xoán Xesús González

Un filme rescata a memoria de Xoán Xesús González
Fotograma de 'O canteiro de Sebil'.
Fotograma de 'O canteiro de Sebil'.  

Xoán Xesús González é unha figura de culto. Nado en Sebil (Cuntis) en 1895, canteiro de oficio, estudou despois maxisterio e dereito en Compostela e converteuse nun activo xornalista. Contactou co galeguismo intelectual e político nos anos previos á II República. E foi pioneiro en intuír que o marxismo podía contribuír a explicar a opresión nacional de Galiza. O fascismo paseouno en 1936. O filme O canteiro de Sebil, realizado pola asociación Quinteiro do Umia, repasa a súa vida e proxectarase este sábado ás oito no Teatro Principal de Compostela.
 


O canteiro de Sebil é “unha ollada comunal” arredor deste irredutíbel militante por un país mellor. Fundador de xornais como Amañecer -voceiro da Unión Socialista Galega, o partido que entre 1932 e 1933 avanzou a síntese de socialismo e galeguismo- ou El País Gallego -na rúa entre 1927 e 1931-, sempre adscrito ás esquerdas -pasou polo PSOE, Izquierda Republicana ou Vanguardia de Izquierda Republicana-, encabezou o chamado Terzo de Calo, grupo de obreiros armados que intentou defender a legalidade republicana en Compostela tras o golpe de Estado de Franco.

 

Xoán_Xesús_GonzálezXoán Xesús González foi asasinado contra o muro do cemiterio de Boisaca, en Santiago de Compostela, o 12 de setembro do 36. O seu nome comezou a transcender grazas, en parte, ao célebre poema de Xosé Luís Méndez Ferrín: “En Compostela soterraron a semente / chamada Xohán Xesús González, porta / dun futuro suntuoso e proletario / que avanza cara nós con alboroto / e vénme o arreguizo somentes de pensalo e de amalo”.

 

Eses versos incluídos en Con pólvora e magnolias (1976) adubían o cartaz da película producida por Quinteiro do Umia. Nela, entrevistas a historiadores e biógrafos altérnanse con reconstrucións dramáticas -cameo da corporación municipal de Compostela incluído- e a presenza de familiares de González e mesmo de quen o coñeceu en persoa. O Leo tamén comparece cunha estremecida versión en galego de The Partisan, popularizada no seu día por Leonard Cohen. O canteiro de Sebil, que o sábado chega ao Principal xa tivo algún pase previo en Cuntis e A Estrada. 



x